Allegue avanza a licitación por preto de 3,3 M€ da construción de 17 vivendas públicas en Lalín con financiación exclusiva de fondos da Xunta en solo cedido polo concello | Observatorio de Vivenda

Allegue avanza a licitación por preto de 3,3 M€ da construción de 17 vivendas públicas en Lalín con financiación exclusiva de fondos da Xunta en solo cedido polo concello

Allegue avanza a licitación por preto de 3,3 M€ da construción de 17 vivendas públicas en Lalín con financiación exclusiva de fondos da Xunta en solo cedido polo concello

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, avanzou hoxe en Lalín o novo paso da Xunta para impulsar vivenda pública no municipio, coa construción de 17 novos fogares en solo cedido polo Concello, que se licitarán por un investimento de fondos exclusivos da Xunta, por un importe de preto de 3,3M€.

Segundo explicou Allegue, o Consello da Xunta autorizou esta semana a licitación desta obra, que será publicada este luns 13 de abril na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, e abrirase un prazo ata o 25 de maio para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas.

A responsable autonómica destacou que este avance evidencia que o Executivo galego “avanza sen demoras” no seu reto de poñer a disposición da cidadanía máis vivenda pública.

Neste sentido, indicou que coa licitación das obras se dá o paso definitivo para facer realidade estas vivendas, que se situarán nunha parcela do Agro de Lalín de Arriba cedida gratuitamente polo Concello.

Este novo proxecto da Xunta en Lalín, prevé a construción dun edificio con 17 vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios, nunha contorna residencial consolidada e ben comunicada, dotado de condicións de accesibilidade, calidade e eficiencia enerxética, incorporando sistemas como aerotermia na cuberta e paneis fotovoltaicos.

A conselleira subliñou que este novos fogares contarán con cualificación permanente, estando destinadas aos inscritos no Rexistro de Demandantes no Concello de Lalín, tanto veciños como persoas que traballan no municipio e desexen establecerse nel, contribuíndo así a fixar poboación.

A representante autonómica incidiu en que a dispoñibilidade de solo é un requisito imprescindible para a construción de vivenda, poñendo este proxecto como exemplo da importancia da colaboración coas administracións locais, nesta caso o Concello de Lalín. Xunto a este concello, outros 15 municipios de Galicia xa cederon de balde á Xunta solo para nova vivenda pública.

Ademais, enmarcou esta actuación na estratexia global da Xunta para facilitar o acceso á vivenda, baseada na construción de novas promocións, na rehabilitación e no desenvolvemento de solo residencial.

Nesta liña, lembrou as novas medidas anunciadas polo presidente Rueda no Debate do Estado da Autonomía, para que máis galegos poidan optar a unha vivenda pública, entre as que figura a ampliación do limiar de renda para acceder ás mesmas ata catro veces o IPREM —ata 4,5 no caso de familias numerosas—.

Por exemplo, no caso dunha persoa, ata agora o límite máximo era de 1.800€ brutos mensuais, en 14 pagas, e agora pasará a ser de 2.400€. Para unha parella cun fillo, incrementará este límite desde os 2.250€ aos 3.500€; e para as familias numerosas, pasará de 2.700€ a 4.150€.

Ademais, das vivendas en réxime de compravenda que impulse a Xunta, reservarase o 30% para persoas de entre 36 e 45 anos, para as que teñen fillos ou dependentes a cargo.

Finalmente, Allegue reafirmou o compromiso do Goberno galego de duplicar o parque público residencial en Galicia, cunha folla de ruta que fixa o obxectivo de acadar as 10.000 vivendas públicas no horizonte de 2030, en colaboración cos concellos e co sector, para garantir o acceso da cidadanía a un fogar digno e accesible.

Fonte.- Xunta de Galicia