Allegue cualifica de “histórica” a licitación da xunta por 51,5M€ do proxecto e a construción de 264 novas vivendas públicas no barrio de Xuxán, na Coruña | Observatorio de Vivenda

Allegue cualifica de “histórica” a licitación da xunta por 51,5M€ do proxecto e a construción de 264 novas vivendas públicas no barrio de Xuxán, na Coruña

Allegue cualifica de “histórica” a licitación da xunta por 51,5M€ do proxecto e a construción de 264 novas vivendas públicas no barrio de Xuxán, na Coruña

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, cualifica de “histórica” a licitación da Xunta por 51,5M€ da redacción do proxecto, a dirección de obra e a construción de 264 novas vivendas públicas no barrio de Xuxán, na Coruña. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, anunciou hoxe esta nova licitación, que supón o maior investimento en vivenda pública nesta cidade.

A conselleira puxo en valor o compromiso e o esforzo investidor da Xunta para facilitar o acceso á vivenda, de xeito especial na cidade da Coruña, co barrio de Xuxán como emblema.  Un compromiso que se está a abordar “coa máxima axilidade” e, deste xeito, a licitación destas 264 vivendas realízase con fondos autonómicos polo procedemento conxunto de redacción do proxecto, dirección de obra e a execución dos traballos. 

Allegue subliñou que estas vivendas construiranse con técnicas industrializadas, “que non só permiten reducir prazos, senón que melloran a calidade da construción, son máis eficientes e sostibles e con maior seguridade laboral”.

Deste xeito, establécese nas bases da licitación a obrigatoriedade do emprego destas técnicas e só se terán en conta as propostas que acaden unha puntuación mínima nesta materia. Valorarase tamén o uso da madeira. As empresas poderán presentar ofertas ata o 18 de maio.

Hai que lembrar que a Xunta licitou tamén en xaneiro a redacción do proxecto para outras 264 vivendas públicas parcela en Xuxán, para a que se recibiron 20 ofertas que se están a avaliar. Así, coa nova promoción licitada hoxe, son xa algo máis de 1.000 as vivendas que a Xunta ten en marcha na Coruña, cun investimento previsto que supera os 200M€.

Delas, 962 vivendas se construirán en solo da Xunta e as outras 99 en parcelas cedidas polo Concello da Coruña. Inclúense neste cómputo, ademais das tres promocións que están obras en Xuxán para 104 vivendas, os 150 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos e os 168 fogares en Elviña, destinados preferentemente á mocidade, para cuxo proxecto convocouse un concurso de ideas.

Fronte a esta aposta pola vivenda, coa construción, rehabilitación, desenvolvemento de solo e liñas de axudas, Allegue reclamou o mesmo compromiso “e responsabilidade” ao Goberno central para aprobar o Plan Estatal de Vivenda, que tiña que estar aprobado en xaneiro e do que dependen varias das liñas de achegas para facilitar o acceso á vivenda.

Fonte.- Xunta de Galicia