Allegue defende o ‘proxecto de cidade’ que suporá o PIA de San Mauro para Pontevedra, coa creación dun novo barrio para máis de 4.000 persoas | Observatorio de Vivenda

Allegue defende o ‘proxecto de cidade’ que suporá o PIA de San Mauro para Pontevedra, coa creación dun novo barrio para máis de 4.000 persoas

Allegue defende o ‘proxecto de cidade’ que suporá o PIA de San Mauro para Pontevedra, coa creación dun novo barrio para máis de 4.000 persoas

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, defendeu no Parlamento o “proxecto de cidade” en Pontevedra que suporá o PIA de San Mauro coa creación dun novo barrio para máis de 4.000 persoas.

Allegue explicou que a Xunta, a través deste Proxecto de Interese Autonómico (PIA), desenvolverá solo residencial en San Mauro para poder construír arredor de 2.010 vivendas, das que a meirande parte serán protexidas. Cabe recordar que este ámbito conta coa conformidade do Concello e tamén dos grupos, incluído o PSdG, que votou favorablemente ao seu desenvolvemento.

Subliñou que “o obxectivo é moi claro: facilitar o acceso á vivenda, que máis mozos poidan emanciparse e que máis familias poidan desenvolver o seu proxecto de vida en Pontevedra e  aquelas persoas que queren vivir e traballar nesta cidade atopen oportunidade para facelo”.

Lembrou que o acceso á vivenda é a principal preocupación da cidadanía e a Xunta está a dar respostas. Neste sentido, puntualizou que hai 2.227 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Pontevedra.

Remarcou que “hai que incrementar as vivendas dispoñibles, pero non hai solo para construír”, polo que o Goberno galego está a desenvolvelo mediante a Estratexia de Solo Residencial e a figura dos PIAs. Matizou que o solo do PIA de San Mauro é urbanizable e para adquirir a condición de urbano é preciso urbanizalo, que é ao que vai proceder a Xunta.

Interlocución cos afectados

Fixo fincapé na interlocución que vén mantendo a Xunta cos afectados do PIA de San Mauro desde hai máis dun ano, pois xa tiveron lugar 12 encontros. Os representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) escoitan as demandas de cada un e apórtanlles a información e o asesoramento que precisen. Neste sentido, sinalou que se tiveron reunións e agora pola tarde tamén se están a manter.

Resaltou que “esa é a nosa maneira de actuar, dialogando e buscando solucións, sempre desde o respecto ás persoas afectadas, e con certezas, non como está a facer o PSdG, xerando confusión”.

Sinalou que o Goberno galego, desde o primeiro momento, informou aos afectados de que poden optar polo realoxo en vivenda de reemprazo, polo prezo xusto ou por adquirir unha nova parcela para construír a vivenda, incluso polo propio IGVS.

Aclarou que o xusto prezo do solo non o decide a Xunta, senón que se calcula conforme á normativa estatal de obrigado cumprimento para as comunidades, o RD 1492/2011 de 24 de outubro. Engadiu que no caso das vivendas se valorará a prezo de mercado aplicando un coeficiente redutor pola antigüidade, uns datos que tiveron ocasión de coñecer individualmente algúns dos afectados.

Precisou que os valores que figuran no documento do PIA son estimativos, pero os definitivos se establecerán no expediente de expropiación, aínda non redactado.

Concluíu destacando que esta iniciativa se enmarca na Estratexia Galega de Solo Residencial para urbanizar solo onde construír 25.000 vivendas en Galicia, das que 20.000 serán protexidas.

Apuntou que segue avanzando a tramitación de 13 PIAS na comunidade, todos coordinados cos concellos, como no caso tamén de Pontevedra.

Fonte.- Xunta de Galicia