Allegue denuncia que a demora do Plan Estatal de Vivenda bloquea a mobilización de 80 M€ en Galicia | Observatorio de Vivenda

Allegue denuncia que a demora do Plan Estatal de Vivenda bloquea a mobilización de 80 M€ en Galicia

Allegue denuncia que a demora do Plan Estatal de Vivenda bloquea a mobilización de 80 M€ en Galicia

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, denunciou hoxe no Parlamento de Galicia que a demora na aprobación do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 compromete o investimento de 80M€ que corresponden a Galicia.

Allegue, puxo o acento hoxe na “fonda preocupación” da Xunta, ante a actitude de soberbia, a falta de respecto absoluta e o inconcibible atraso do Goberno do Estado na aprobación do novo Plan.

Durante a súa intervención, cualificou de “moi grave” o atraso acumulado polo Goberno do Estado, que, segundo indicou, non foi quen de aprobar o novo Plan tres meses despois do inicio do ano, unha vez rematada a vixencia do anterior.

A conselleira incidiu no imprescindible da aprobación deste Plan para que as autonomías poidan convocar liñas de axudas como as do alugueiro da mocidade, á rehabilitación, á eficiencia enerxética, á accesibilidade, á compra de vivenda por menores de 36 anos en zonas menos poboadas, ou os incentivos a promotores para a construción de vivenda protexida. Aquí, advertiu que, no escenario máis optimista, estas convocatorias non poderán realizarse ata o último semestre do ano debido aos múltiples trámites administrativos necesarios unha vez aprobado o novo Plan.

Activación de axudas autonómicas

Fronte a esta situación, Allegue puxo en valor o esforzo da Xunta para ter activadas todas as axudas financiadas con fondos exclusivos autonómicos neste primeiro trimestre do ano, o que posibilitará ter activadas achegas por case 27M€ en distintas liñas autonómicas.

Entre elas, destacou o programa Fogar Vivo para mobilizar vivendas baleiras, o programa de avais para a adquisición de vivenda por menores de 36 anos, o programa de rehabilitación rural en concellos de menos de 5.0000 euros, para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal, as axudas á infravivenda, as destinadas a comunidades de propietarios de vivenda de promoción publica e o fondo de cooperación cos concellos. Ademais, avanzou que nos próximos días se convocarán con fondos da Xunta as axudas á adquisición de vivenda en centros históricos e as de adquisición de Vivenda de Protección Autonómica.

Con todo, a conselleira reiterou a advertencia de como a demora estatal impide que Galicia poida mobilizar este ano 80 M€ vinculados ao Plan Estatal de Vivenda.

Criticou a falta de diálogo coas comunidades, lembrando que a última Conferencia Sectorial de Vivenda se celebrou en outubro do pasado ano, e lamentou o incumprimento dos prazos comprometidos polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana. Así mesmo, rexeitou que se esixan compromisos financeiros ás autonomías sen acordar previamente as condicións, lembrando, ademais que Galicia aceptou a cofinanciación do 40% esixida polo Estado e que xa ten consignados nos orzamentos da Xunta aprobados e en vigor desde o 1 de xaneiro, sen poder activalos pola ausencia do plan estatal.

A conselleira reiterou que Galicia leva máis dun ano demandando un plan que achegue estabilidade, sexa flexible, mobilice solo e contribúa a aumentar a oferta de vivenda, impulsar a rehabilitación e a promoción de vivenda protexida, que desburocratice e axilice. e instou ao Goberno do Estado a actuar con dilixencia para dar resposta a esta necesidade.

Finalmente, Allegue incidiu na necesidade dun plan serio, negociado e realista e dunha política de vivenda “real” e pediu ao Goberno do Estado que “deixe de perder o tempo e se poña a traballar pola vivenda, e se aprobe dunha vez o novo plan de Vivenda”.

Fonte.- Xunta de Galicia