Allegue destaca en Vigo a última licitación de obras das máis de 900 vivendas de promoción pública en Navia | Observatorio de Vivenda

Allegue destaca en Vigo a última licitación de obras das máis de 900 vivendas de promoción pública en Navia

Allegue destaca en Vigo a última licitación de obras das máis de 900 vivendas de promoción pública en Navia

Allegue destaca en Vigo a última licitación de obras das máis de 900 vivendas de promoción pública en Navia. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, informou desta licitación para construír 55 novas vivendas de promoción pública, cun investimento de 11,8M€.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 28 de setembro.

Construirase un inmoble de dous sotos, planta baixa, catro plantas altas e ático. As dúas plantas de soto aloxarán prazas de garaxe, rochos e instalacións, mentres que a planta baixa destinase a soportal e tres locais comerciais. Nas restantes plantas haberá vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios, das que algunhas serán reservadas para persoas con mobilidade reducida.

Allegue destacou que con esta licitación, finalizan as licitacións de obra de vivendas de promoción pública nos polígonos 1 e 2 de Navia, un total de 20 os inmobles, dos que a metade xa están en execución avanzada e outros próximos a iniciar a súa construción. Hai que lembrar que a Xunta prevé un total de 927 vivendas públicas en Navia, das que están en obras 309.

Ademais a Xunta está a tramitar dous Proxectos de Interese Autonómico (PIA) en Vigo para desenvolver solo onde construír vivendas, no ámbito do Ofimático e no de Ramón Nieto. No primeiro caso, o PIA, que prevé solo para 2.000 vivendas, xa conta con aprobación inicial. No ámbito de Ramón Nieto desenvolverase solo para outras 1.300 vivendas. 

Estas actuacións enmárcanse no obxectivo da Xunta de duplicar o parque público de vivenda en Galicia, tendo xa en marcha 4.000 e prevendo acadar as 8.000 no 2028 e 10.000 no 2030, ao abeiro do no novo Pacto de Vivenda.

A conselleira tamén lembrou as medidas impulsadas pola Xunta para facilitar o acceso de máis persoas á vivenda pública. Destacou a reserva para menores de 36 anos do 25% nas vivendas destinadas á compra e o 40% das de alugueiro, ademais do 30% para persoas entre 36 e 45 anos con fillos a cargo. Así mesmo, incrementouse de 36 a 45 anos a idade para optar aos avais da Xunta en primeira vivenda, e ofrécese axudas para compra de vivenda protexida e en centros históricos.

Fonte.- Xunta de Galicia