Allegue destaca a execución das 64 vivendas públicas de Cambedo da Raia, en Ourense, cun investimento de máis de 13 M€ | Observatorio de Vivenda

Allegue destaca a execución das 64 vivendas públicas de Cambedo da Raia, en Ourense, cun investimento de máis de 13 M€

Allegue destaca a execución das 64 vivendas públicas de Cambedo da Raia, en Ourense, cun investimento de máis de 13 M€

Allegue destaca a execución das 64 vivendas públicas de Cambedo da Raia, en Ourense, cun investimento de máis de 13M€ e que estarán rematadas no vindeiro ano. Así o avanzou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou as obras en marcha.

Esta promoción consta de 4 bloques que acadarán, segundo salientou a conselleira, “fogares modernos, que aproveitan a luz solar, cunha arquitectura que permite o máximo confort e o mínimo consumo enerxético”.

Subliñou que as vivendas se integrarán ademais nunha contorna con espazos verdes e puntos de sombra, “todo pensando para o benestar dos novos veciños de Cambedo da Raia”.

Explicou que estes fogares se destinarán ao alugueiro, reservándose o 40% para menores de 36 anos, que deberán estar inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda. Para isto, os beneficiarios non poderán ter vivenda en propiedade e deberán estar empadroados en Ourense ou traballar neste concello.

Sinalou que estas novas vivendas públicas forman parte das 4.000 comprometidas pola Xunta e que xa están en marcha.

Lembrou que o Goberno galego traballa co obxectivo de facilitar o acceso a vivenda e para facer fronte a este reto está a construír, rehabilitar e desenvolver solo residencial.

Puxo en valor as novas medidas anunciadas polo presidente da Xunta no Debate de Política Xeral,  que permitirán que máis persoas poidan acceder a vivendas públicas. Neste sentido, concretou que se incrementará o IPREM e se incluirá unha nova reserva do 30% das vivendas en venda para as persoas de entre 36 e 45 anos con fillos.

Remarcou que na cidade de Ourense a Xunta tamén está a avanzar nos trámites para desenvolver solo residencial para que se poida edificar vivenda. Detallou que está en marcha o Proxecto de Interese Autonómico de Escorial-Vinteún, cun investimento autonómico de 13,5M€ para habilitar e urbanizar o solo residencial onde se prevén mais de 1.400 novas vivendas, o 80% delas protexidas.

Fonte.- Xunta de Galicia