Allegue destaca a licitación das obras de 58 novas vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, cun investimento autonómico de 10,3 M€ | Observatorio de Vivenda

Allegue destaca a licitación das obras de 58 novas vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, cun investimento autonómico de 10,3 M€

Allegue destaca a licitación das obras de 58 novas vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, cun investimento autonómico de 10,3 M€

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou a licitación das obras de 58 novas vivendas públicas no Bertón, en Ferrol, cun investimento autonómico de 10,3M€. Allegue informou desta actuación que se desenvolverá na parcela P-15 do Bertón, urbanizada polo Goberno galego.

Sinalou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación e as empresas poderán presentar ofertas ata o 22 de setembro. Explicou que o proxecto xa está redactado e agora avanzará a tramitación para poder comezar os traballos canto antes.

Trátase dun novo edificio que constará de vivendas de 1, 2 e 3 dormitorios e disporán de garaxes e rochos. Na planta baixa haberá 4 locais comerciais. 

Recordou que estes fogares se suman á licitación hai un mes das obras doutras 58 vivendas públicas no Bertón, cun investimento de 10,7M€. Neste caso, as ofertas poden presentarse ata o 23 de xullo. Fixo fincapé en que en tan só nun mes, están en contratación as obras para 116 vpp en Ferrol, mobilizando un orzamento de 21M€.

Lembrou que en Ferrol están en marcha actualmente 353 vivendas públicas en diversas fases de execución.

Neste sentido, a conselleira aproveitou a visita para comprobar in situ o avance das obras doutras dúas promocións de 48 vivendas públicas, tamén neste barrio do Bertón, que serán unha realidade no ano 2027.

Salientou as novas medidas impulsadas pola Xunta para facilitar o acceso á vivenda, especialmente á mocidade, coa reserva do 30% en venda para persoas de entre 36 e 45 anos, con fillos. Ademais vaise elevar aos 45 anos a idade máxima para beneficiarse dos avais da Xunta para adquirir a primeira vivenda, que ata agora era ata 36 anos. Detallou que na actual convocatoria xa se concederon 40 avais.

Fonte.- Xunta de Galicia