Allegue entrega unha nova vivenda de protección autonómica rehabilitada polo Consorcio Casco Vello de Vigo | Observatorio de Vivenda

Allegue entrega unha nova vivenda de protección autonómica rehabilitada polo Consorcio Casco Vello de Vigo

Allegue entrega unha nova vivenda de protección autonómica rehabilitada polo Consorcio Casco Vello de Vigo

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, entrega unha nova vivenda de protección autonómica rehabilitada polo Consorcio Casco Vello de Vigo.  Allegue fixo hoxe entrega deste novo fogar situado na rúa Hortas a unha parella da cidade olívica.

A conselleira quixo destacar a recuperación do inmoble levada a cabo polo Consorcio no casco vello vigués, e puxo en valor o traballo da entidade, participada pola Xunta nun 90% e o Concello no restante 10%, na adquisición e rehabilitación de inmobles cos que poñer á disposición da cidadanía máis vivenda, neste caso protexida con cualificación permanente. “Neste Consorcio vese esa necesaria colaboración entre administracións”, indicou.

Allegue subliñou que froito deste traballo facilítase o acceso á vivenda, ao tempo que se está a “rehabilitar o casco vello e a enchelo de vida: hai un antes e un despois”.

Hai que lembrar que desde a creación do Consorcio hai 20 anos foron adquiridos 93 inmobles no casco vello, dos que 79 deles xa están rehabilitados e deron lugar a 140 vivendas  e 36 locais. O investimento acadou os 30,5M€ e no pasado 2025 aprobouse o Plan de Actuación ata 2030 cun investimento da Xunta de 7,1M€ para rehabilitar outros 25 inmobles.

Ademais, no marco do compromiso firme da Xunta para incrementar a oferta de vivenda pública en Vigo, están en marcha no barrio de San Paio de Navia máis de 900 vivendas de promoción pública, das que 309 xa están en obras.

Así mesmo, o Goberno galego aprobou inicialmente o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) en Lavadores, que permitirá desenvolver solo no que se poderán construír 2.000 vivendas, todas protexidas. E está en redacción outro PIA no ámbito de Ramón Nieto para máis de 1.300 vivendas.

Fonte.- Xunta de Galicia