Allegue reivindica o papel da Xunta para recuperar as antigas instalacións da ETEA en Vigo para a cidadanía | Observatorio de Vivenda

Allegue reivindica o papel da Xunta para recuperar as antigas instalacións da ETEA en Vigo para a cidadanía

Allegue reivindica o papel da Xunta para recuperar as antigas instalacións da ETEA en Vigo para a cidadanía

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reivindicou hoxe no Pazo do Hórreo o papel da Xunta para recuperar as antigas instalacións da ETEA en Vigo para a cidadanía. Afirmou que a Xunta foi desde o primeiro momento a administración que asumiu un compromiso real de recuperar e urbanizar os espazos da ETEA, impulsando os acordos institucionais necesarios e mobilizando recursos para transformar estes terreos estratéxicos nun ámbito de oportunidade para a cidade de Vigo.

Durante a súa intervención no Parlamento galego, a conselleira explicou que a Xunta leva demostrada a súa aposta pola recuperación das antigas instalacións da ETEA con actuacións concretas, sendo a Xunta “a única” que na actualidade está realizando obras, ao tempo que destacou o “exercicio de paciencia” realizado pola Administración autonómica ante as demoras producidas noutras institucións implicadas no proxecto.

Nestes senso, lembrou que a Xunta é titular dos ámbitos PS-6 e PS-5, os únicos onde se están executando actuacións neste momento: están en marcha as obras de urbanización e a construción dunha cafetería respectivamente. E recordou que é a Xunta a que asumirá integramente o financiamento da urbanización do sector PS-1, cun investimento de 10,5 M€, fronte a “propaganda do Concello de Vigo”.

Indicou que no verán de 2024 a Xunta, o Concello de Vigo e o Consorcio da Zona Franca acadaran un acordo institucional para avanzar no desenvolvemento deste ámbito PS-1, polo que a Administración autonómica asumía o financiamento íntegro das obras de urbanización do sector, que é titularidade municipal. Ese compromiso, segundo indicou, formalizouse coa aprobación do correspondente convenio polo Consello da Xunta en maio de 2025, cun investimento de 10,5 M€.

Martínez Allegue sinalou que, partindo da confianza nese acordo institucional, a Xunta continuou avanzando no desenvolvemento da ETEA dentro das súas competencias. Así, recordou que a Administración autonómica puxo en marcha as obras de urbanización do sector PS-6, cun investimento de 4,8 M€, actuación actualmente en execución.

E destacou outras iniciativas impulsadas pola Xunta neste ámbito, como a cesión á Universidade de Vigo dos edificios da antiga enfermería e do Morse para a súa rehabilitación, co obxectivo de contribuír á revitalización deste espazo. Tamén citou a tramitación da concesión da cafetería no edificio da antiga panadería, situado no sector PS-5, igualmente propiedade da Xunta.

A conselleira lamentou que o Concello de Vigo e o Consorcio da Zona Franca tardasen oito meses en aprobar o convenio necesario para desenvolver o ámbito PS-1, malia que a Xunta tiña garantido desde había case un ano o financiamento necesario para executar a actuación.

Sinatura

Neste contexto, criticou que ambas entidades organizasen recentemente un acto propagandístico público de sinatura no que, segundo indicou, non se convidou á Xunta, a pesar de ser a administración que achega os recursos económicos para a urbanización dese ámbito. Segundo expuxo, tras ese acto produciuse posteriormente unha comunicación para solicitar a sinatura dixital do convenio pola conselleira, lamentando a conselleira o pouco respecto institucional.

A pesar desta situación, Allegue quixo deixar claro que o Executivo autonómico non está interesado en obstaculizar o desenvolvemento do proxecto e que seguirá traballando co obxectivo de recuperar este espazo para a cidadanía. Neste sentido, sinalou que a prioridade do Goberno galego é velar polo interese xeral e polo benestar dos galegos, afastándose de confrontacións políticas.

Así, concluíu que, a pesar das demoras e das dificultades producidas ao longo do proceso, a Xunta continuará avanzando no ámbito das súas competencias para que os vigueses poidan desfrutar no futuro deste espazo recuperado, que cualificou como un exemplo máis da Galicia Calidade que o Goberno galego está a construír.

Fonte.- Xunta de Galicia