Allegue sitúa Galicia como a comunidade que máis medidas ten en marcha no impulso da vivenda protexida | Observatorio de Vivenda

Allegue sitúa Galicia como a comunidade que máis medidas ten en marcha no impulso da vivenda protexida

Allegue sitúa Galicia como a comunidade que máis medidas ten en marcha no impulso da vivenda protexida

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, sitúa a Galicia como a comunidade “pioneira” que máis medidas ten en marcha no impulso da vivenda protexida. Fíxoo na primeira xornada de impulso da vivenda protexida en Galicia, organizada pola Xunta na Cidade da Cultura, na que participou o conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, e que reuniu a máis de 260 asistentes, entre técnicos da Administración, representantes de concellos e promotores e construtores.

Allegue fixo un repaso polo traballo co que a Xunta está a asumir o reto da vivenda, “no que estamos debullando a Galicia habitacional e residencial do futuro” a través de “medidas valentes”. E puxo en valor a “leal cooperación” entre a Xunta, concellos e sector a través de iniciativas como a cesión de solos dos concellos á Xunta para a construción de vivenda, os Fondos de Cooperación cos concellos, a Plataforma de solos ou os Proxectos de interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de solo residencial.

Neste senso, pediu a concellos e sector “non baixar a garda” neste traballo “compartido” fronte ao desafío da vivenda, destacando así mesmo o consenso co sector para acadar o II Pacto de Vivenda de Galicia, que prevé no 2030 acadar un parque público residencial de 10.000 fogares.

A conselleira destacou que a Xunta ten en marcha as 4.000 vivendas públicas comprometidas nesta lexislatura, e está a desenvolver solo residencial a través da figura dos PIA, de xeito que xa están aprobados inicialmente os das grandes cidades para o impulso a novos barrios.

Expuxo as modificacións normativas para axilizar a construción, como o incremento do 20% da edificabilidade, así como as medidas para a mobilización de vivendas baleiras, entre elas o programa Fogar Vivo ou as axudas de rehabilitación no rural. Tamén puxo e valor as medidas para facilitar que máis persoas poidan acceder á vivenda protexida, como o incremento do limiar de renda a 4 veces o IPREM (4,5 no caso das familias numerosas) ou a reserva do 40% das novas vivendas para persoas entre 36 e 45 anos con fillos.

E puxo o foco no apoio á mocidade cos aloxamentos compartidos, o aval mozo  e a reserva do 40% das vivendas en alugueiro e o 25% nas de venda para menores de 36 anos. Allegue salientou tamén no marco do apoio ao sector o impulso á construción industrializada, coa elaboración dun Mapa de Capacidades que se presenta na xornada. Todas elas medidas coas que a Xunta enfronta a situación da vivenda “ao estilo Galicia”, “con traballo, acción, vontade e capacidade resolutiva”, que posibilita licitacións por 500M€ este ano. “Seguiremos construíndo fogares co selo Galicia Calidade”, engadiu.

Medidas tributarias

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou as medidas tributarias existentes en Galicia a favor da vivenda e puxo en valor a colaboración público-privada para que a cidadanía poida acceder a unha vivenda tanto a través de compra como de aluguer. Galicia, afirmou, é a comunidade con menor tributación para comprar unha vivenda habitual no rural e na que menos impostos pagan os colectivos prioritarios, entre os que se atopan as persoas mozas e, como novidade este ano, as familias monoparentais.

Miguel Corgos lembrou que o Goberno galego quixo redobrar esforzos nos últimos anos para favorecer o acceso á vivenda “e hoxe xa temos en vigor un amplo paquete de medidas fiscais para reforzar a nosa aposta pola vivenda”. Iso posibilitou que, en dez anos, “os galegos aforraron 279M€ en impostos vinculados á vivenda”.

Desenvolvemento da xornada

A xornada desenvolveuse en torno a catro mesas destinadas a explicar as medidas de axilización e flexibilización para o impulso da vivenda, o desenvolvemento de solo residencial para vivenda protexida, a colaboración e cooperación da Xunta co sector e os concellos e o plan de impulso da construción industrializada. Asuntos que foron expostos por representantes da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e da Consellería de Facenda e Administración pública, así como por técnicos que traballan nestes temas.

Na primeira mesa, moderada por Heriberto García Porto, secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, e con participación da subdirectora xeral e o xefe de servizo de Coordinación e Planificación da secretaría xeral de Vivenda e Urbanismo, Julia Paz e Martín Cerreda, e o director técnico de Construción e calidade do IGVS, Ricardo Valencia, puxéronse de manifesto as modificacións normativas adoptadas para facilitar a promoción de vivenda protexida, que se centran principalmente en catro aspectos: axilizar a dispoñibilidade de solo urbanizado, incrementar o número de vivendas protexidas e o parque público, redución dos trámites burocráticos e impulso de solucións innovadoras.

Solo para vivenda protexida

O compromiso da Xunta de Galicia de desenvolver solo para 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas, foi o motivo central da segunda mesa, na que interviñeron o xefe da Oficina Técnica de Solo do IGVS e os redactores dos sete proxectos de interese autonómico (PIA) que xa teñen aprobación inicial e que corresponden a actuacións nos concellos de Pontevedra, Vigo, Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela e Lugo.

Ademais da actuación directa do IGVS no desenvolvemento de solo residencial, a Xunta pon a disposición dos concellos o programa de oferta de solo residencial das entidades locais, que facilita aos concellos poñer o solo da súa propiedade a disposición de promotores e cooperativas. O funcionamento deste programa foi explicado polo director técnico de Solo Residencial do IGVS, Joaquín San Martín.

Colaboración co sector e os concellos

A Xunta de Galicia colabora activamente co sector da promoción de vivenda protexida e cos concellos co obxectivo de incrementar o parque de vivenda existente en Galicia e facilitar o acceso dos cidadáns ás mesmas. Esta colaboración foi exposta pola secretaria xeral do IGVS, María Ángeles Domínguez, e a directora técnica de Axudas á Vivenda, Beatriz Villaverde, e céntrase fundamentalmente nas axudas públicas que os promotores públicos e privados poden recibir da Xunta de Galicia.

Na xornada anunciouse que, unha vez entre en execución o Plan Estatal de vivenda, que a Xunta financia nun 40%, os promotores de vivendas protexidas poderán acceder a axudas de ata 42.500€ por vivenda sempre que as mesmas cumpran os requisitos establecidos. Ademais, a Xunta concede axudas aos adquirentes de vivenda protexidas, por un importe que pode acadar os 20.000 euros nas grandes cidades.

Pola súa parte, os concellos contan con axudas para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal para destinalos a vivendas de alugueiro a prezo regulado e para infravivenda, así como préstamos do fondo de cooperación para a rehabilitación, promoción de vivendas novas ou adquisición de vivendas existentes para a súa rehabilitación.

Construción industrializada

En abril de 2025 o IGVS asinou un convenio coa Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción, para o impulso da construción industrializada en Galicia froito do mesmo é o desenvolvemento dun mapa de capacidades, o plan de construción industrializada de Galicia e as guías de construción industrializada para a administración e as empresas. Os avances na materia foron expostos polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e o xerente do clúster da construción, Pablo Vázquez.

Pola tarde, o público terá a oportunidade de participar en talleres nos que tomaron a palabra para expoñer as súas ideas e propostas para o impulso da vivenda protexida.

Fonte.- Xunta de Galicia