Allegue visita Cortizo e asegura que “o futuro pasa pola construción industrializada das vivendas” | Observatorio de Vivenda

Allegue visita Cortizo e asegura que “o futuro pasa pola construción industrializada das vivendas”

Allegue visita Cortizo e asegura que “o futuro pasa pola construción industrializada das vivendas”

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visita Cortizo e asegura que “o futuro pasa pola construción industrializada das vivendas”.

Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, quixo poñer en valor a traxectoria de máis de 50 anos e o traballo deste grupo empresarial con sede no concello de Padrón, do que destacou que está presente en moitas das obras de vivenda pública da Xunta a través do deseño, fabricación e distribución de sistemas de aluminio para arquitectura.

A conselleira subliñou a aposta da firma, en sintonía co pulo que está a darlles a Xunta, pola progresiva incorporación de sistemas de construción industrializada. A este respecto, lembrou que na actualidade máis de mil das vivendas públicas que está a construír a Xunta en Galicia execútanse con estas técnicas e a Administración autonómica está a primar o seu uso nas licitacións públicas.

Recordou o convenio asinado pola Administración autonómica coa Fundación Galicia Constrúe para promover o uso destas técnicas, que entre outras vantaxes permiten acurtar tempos, “xa que os elementos coma fachadas, ventás ou pisos veñen executados de fábrica; nos permite innovar e mesmo ser máis sostibles”.

“O sector da construción -engadiu- estase a modernizar, froito do traballo, da investigación das nosas empresas que cada ano innovan e apostan por unha construción máis rápida, de máis calidade e máis sustentable. É un sinal de identidade máis da nosa Galicia Calidade”.

Ao abeiro do citado convenio, a Xunta ten en marcha un plan de acción que inclúe un mapa de capacidades para identificar todas as empresas galegas que empregan técnicas de construción industrializada, “onde Galicia é punteira” no uso de elementos como os prefabricados de formigón, estruturas metálicas, elementos modulares ou madeira estrutural.

Fonte.- Xunta de Galicia