A Área de Rehabilitación Integral de Sober recibe este ano case 150.000 euros para a recuperación de inmobles e espazos públicos

A Área de Rehabilitación Integral de Sober recibe este ano case 150.000 euros para a recuperación de inmobles e espazos públicos

O Concello de Sober (Lugo) disporá de 141.412 euros para investir en actuacións de rehabilitación do seu patrimonio construído con cargo á convocatoria 2020 das axudas para Áreas de Rehabilitación Integral (ARI). 

Grazas ao programa para o fomento da rehabilitación residencial, xa foron rehabilitadas máis de cen vivendas localizadas na ARI de Sober.

Esta Área de Rehabilitación Integral foi declarada no ano 2011, converténdose deste xeito na “primeira e única de Galicia” que abrangue a totalidade dun municipio. Esta decisión adoptouse debido ás propias características do concello, como núcleo principal da Ribeira Sacra e cuxa poboación está dispersa en núcleos asociados á industria vinícola e núcleos de gran interese arquitectónico e etnográfico, que comparten unha mesma tipoloxía construtiva e posúen elementos catalogados e con protección polo seu valor patrimonial.

En total e desde a declaración da ARI de Sober, mobilizouse un investimento de máis de tres millóns de euros nos diferentes tipos de intervencións xa executadas, incluíndo a rehabilitación das vivendas antes mencionadas e tamén seis obras de rexeneración urbana en distintas prazas e espazos de uso público.

As actuacións de recuperación e rehabilitación integral en Sober, en todo caso, terán continuidade nos vindeiros anos, xa que o Concello ten en execución un total de cinco convenios de colaboración dotados con case 712.000 euros para investir na ARI, aos que se suman os case 142.000 euros que lle corresponderon no reparto da convocatoria de 2020.

Fonte | Xunta de Galicia