Axudas de adquisición de vivenda en centros históricos e vivenda protexida | Observatorio de Vivenda

Axudas de adquisición de vivenda en centros históricos e vivenda protexida

Axudas de adquisición de vivenda en centros históricos e vivenda protexida

A Xunta convoca as liñas de axudas para adquisición de vivenda en centros históricos e vivenda protexida, ás que destina un orzamento de 2M€. 

Poderán solicitar estas achegas as persoas que teñan adquirido as súas vivendas desde o pasado 15 de outubro do pasado 2025 ata o 15 de outubro deste 2026. As dúas liñas están financiadas exclusivamente con fondos propios da comunidade autónoma e destínanse a vivendas que deberán ser a residencia habitual e permanente.

No que atinxe á liña de adquisición de vivendas en centros históricos, a contía da axuda será de ata 10.800€ con carácter xeral, e elévase ata 12.800€ se os compradores son menores de 36 anos e ata 15.000€ se a vivenda se sitúa no ámbito dunha área Rexurbe, sen límite de idade neste último caso. Como requisitos, os solicitantes deben contar con ingresos iguais ou inferiores a 6,5 veces o Iprem e as vivendas deberán estar emprazadas dentro dun dos centros históricos indicados na convocatoria.

No caso da outra liña destinada á adquisición de vivenda protexida, os solicitantes deberán cumprir os requisitos de ingresos que esixa a normativa reguladora da vivenda a adquirir e o importe da axuda dependerá da área xeográfica na que se emprace a vivenda.

Así, para vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), o importe será de ata 20.000€ por vivenda, se son adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000€ se os compradores son de 36 ou máis anos. No caso dos restantes municipios de Galicia, a axuda será de ata 16.000€ para menores de 36 anos, e ata 12.000€ para vivendas adquiridas por persoas de 36 ou máis anos.

Diario Oficial de Galicia

Máis información