Betanzos declarada nova área Rexurbe para contribuír a dinamizar e revitalizar a zona

Betanzos declarada nova área Rexurbe para contribuír a dinamizar e revitalizar a zona

O presidente Alfonso Rueda salienta que as actuacións que se levarán a cabo servirán para mellorar a vida social e económica da veciñanza

O ámbito correspóndese co da vella cidade medieval, que alberga 735 edificios con diferentes usos, preto de 1.100 vivendas e unha poboación de 1.850 habitantes

Para acadar os obxectivos de mellorar a calidade de vida da veciñanza e garantir que teñan recursos e equipamentos suficientes, o Concello fará un Plan de dinamización con medidas específicas e o orzamento necesario para levalas á práctica

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor a declaración no Consello da Xunta de hoxe do conxunto histórico-artístico de Betanzos como sétima área Rexurbe de Galicia e considerouna “necesaria” para contribuir a dinamizar este ámbito do municipio coruñés.

 “Mellorará a vida da veciñaza, xa que a dotará de recursos para que se revitalice a vida social -co asentamento de novas persoas- e económica e, por suposto, para a rehabilitación de inmobles”, enxalzou Rueda sobre os beneficios desta figura creada ao abeiro da Lei de rehabilitación aprobada en 2019. A súa finalidade é facilitar a revitalización de zonas que, polas súas especiais características, precisan dunha maior implicación por parte das distintas administracións públicas e dotalas dos recursos necesarios para garantir que recuperen o seu antigo dinamismo.

O mandatario galego concretou que, neste caso, o ámbito de actuación da área Rexurbe corresponderase co da antiga cidade medieval de Betanzos que, segundo lembrou, foi declarada Ben de interese cultural (BIC) en 1970 e nela vive preto do 15 % da poboación do municipio, case 2.000 persoas, naque hai máis dun milleiro de viviendas e 735 edificios, “pero non conta con zonas verdes”, advertiu.

Rueda alertou de que estes edificios precisan “melloras” xa que, segundo lle trasladou o propio Concello de Betanzos, “máis de 180 inmobles presentan deficiencias; 80, de carácter grave; e unha trintena están en ruína”. Por estes motivos, insistiu nos beneficios que supón esta declaración de área Rexurbe para comezar estas actuacións.

 Áreas Rexurbe

Cómpre subliñar que as áreas de rexeneración urbana de interese autonómico —áreas Rexurbe— son un instrumento de intervención legalmente previsto para promover medidas de recuperación edificatoria, arquitectónica e urbanística en conxuntos históricos e ámbitos declarados BIC, aínda que tamén se inclúen actuacións de dinamización social, demográfica e económica, polo que a súa aplicación é transversal e implica a distintos departamentos da Xunta.

Os obxectivos principais da nova área Rexurbe de Betanzos son mellorar a calidade de vida da veciñanza e dotala dos recursos sociais e equipamentos necesarios. Para tal fin, fíxanse como liñas estratéxicas a recuperación do patrimonio construído, a aposta pola eficiencia enerxética na rehabilitación, a mellora da oferta de servizos e espazos libres, o impulso á mobilidade sostible, a axuda para implantar empresas tecnolóxicas, o apoio á poboación dependente, ou a creación de postos de traballo no eido social, entre outras.

Para concretar como lograr estes obxectivos, en todo caso, o Concello terá que elaborar a continuación un plan de dinamización específico que sirva para coordinar as actuacións tanto públicas como privadas destinadas a conseguir a dinamización e a rexeneración do ámbito da área Rexurbe. Nel recollerase un programa plurianual coa planificación das medidas a executar e dos investimentos necesarios para levalas a cabo.

 De igual xeito, deberá contar cun centro de rexeneración urbana de interese autonómico (centro Rexurbe), que actuará como punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión das distintas actuacións que se promovan dentro deste ámbito.

Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia, Tui, Ribadeo e Ferrol

A área Rexurbe de Betanzos sumarase ás xa declaradas desde o ano 2020 en Mondoñedo, a única que conta xa cun plan de dinamización propio e centro Rexurbe; A Coruña, a primeira gran cidade en contar con esta figura; Ribadavia; Tui; Ribadeo; e Ferrol, que ten área Rexurbe desde hai xusto un ano.

Esta declaración complementará as actuacións impulsadas en Betanzos no marco programa Rexurbe, a través do cal o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adquire inmobles para rehabilitar, destinalos a vivendas e adxudicalas en réxime de alugueiro social. O concello de Betanzos, precisamente, foi pioneiro ao acoller a experiencia piloto deste programa no ano 2017. En total, o IGVS adquiriu no municipio a través desta vía 17 inmobles e actualmente xa ten rematada a rehabilitación de 10 destes edificios, nos cales se obtiveron 15 vivendas e 3 locais comerciais, cun investimento de preto de 3,4 M€; outros 5 seguen en obras; e os 2 inmobles restantes están en tramitación.

Ademais, Betanzos conta tamén coa Área de rehabilitación integral (ARI) do seu conxunto histórico, declarada no ano 2002 e na cal xa se executaron investimentos por un importe de case 930.000 euros; e é un dos municipios que forman parte da ARI supramunicipal do Camiño de Santiago, polo que tamén pode optar ás subvencións que convoca anualmente o IGVS para financiar actuacións de rehabilitación neste ámbito.

Por último, cómpre lembrar que na repartición realizada pola Xunta en 2022 do programa de rehabilitación a nivel de barrios, financiado con fondos europeos, ao Concello de Betanzos correspondéronlle 700.000 euros para investir no seu conxunto histórico.

Fonte.- Xunta