A Comisión Europea impulsa unha consulta para simplificar a normativa da construción de vivenda na Unión Europea | Observatorio de Vivenda

A Comisión Europea impulsa unha consulta para simplificar a normativa da construción de vivenda na Unión Europea

A Comisión Europea impulsa unha consulta para simplificar a normativa da construción de vivenda na Unión Europea

A Comisión Europea abriu unha consulta pública para recoller propostas orientadas a simplificar a normativa comunitaria que afecta á construción e rehabilitación de vivendas. O obxectivo é reducir as cargas administrativas, axilizar a execución dos proxectos e favorecer un incremento da oferta de vivenda accesible na Unión Europea. A iniciativa está dirixida ás administracións públicas, ao sector da construción, ás entidades financeiras e ás organizacións da sociedade civil, e servirá como base para un paquete lexislativo de simplificación previsto para 2027 no marco do futuro Plan Europeo de Vivenda Accesible.

A Comisión pretende identificar que disposicións da lexislación europea están a limitar a oferta de vivenda e distinguir se os obstáculos proceden das normas comunitarias ou da súa aplicación polos Estados membros. As achegas poderán presentarse ata o 30 de setembro e deberán incluír propostas para simplificar os procedementos e exemplos de boas prácticas. A institución sinala que esta iniciativa forma parte da súa estratexia para reducir a burocracia e estima que os paquetes de simplificación xa presentados permitirán aforrar arredor de 18.000 millóns de euros anuais en custos administrativos, mantendo os estándares de protección ambiental e social.

Fonte.- Idealista