A Confederación Nacional da Construción avisa de que o encarecemento dos materiais pode elevar os custos das obras | Observatorio de Vivenda

A Confederación Nacional da Construción avisa de que o encarecemento dos materiais pode elevar os custos das obras

A Confederación Nacional da Construción avisa de que o encarecemento dos materiais pode elevar os custos das obras

A Confederación Nacional de la Construcción (CNC) advertiu de que o encarecemento das materias primas derivado do conflito entre Estados Unidos, Israel e Irán podería elevar os custos de produción da vivenda e das infraestruturas. O presidente da organización, Pedro Fernández Alén, sinalou que o sector xa arrastra unha forte presión nos prezos dos materiais, cun incremento acumulado do 45 % desde 2021 e cun aumento superior ao 32 % no custo da obra nova entre 2020 e 2025. Segundo explicou, se os contratos públicos non se adaptan á evolución dos prezos do mercado poderían producirse atrasos, paralizacións ou abandono de proxectos, ademais dunha redución da capacidade de investimento das empresas.

Representantes do sector e da administración tamén destacaron a necesidade de reforzar a innovación e as infraestruturas estratéxicas. Desde o Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación advertiuse de que España carece de infraestruturas terrestres suficientes para o desprazamento de tropas en caso de apoio a aliados, o que obrigaría a depender de medios aéreos ou navais. Ademais, a construción presenta un atraso na adopción tecnolóxica: só o 11,4 % das empresas utiliza intelixencia artificial e o 26 % aplica análise estratéxica de datos. O sector tamén subliñou o peso económico da obra civil, que xera tres euros de PIB por cada euro producido e tres empregos totais por cada posto directo, polo que reclama un marco regulatorio que impulse o investimento e a competitividade.

Fonte.- Idealista