A conselleira M. Allegue destaca o papel da planificación das cidades para acadar espazos habitables, eficientes e sostibles | Observatorio de Vivenda

A conselleira M. Allegue destaca o papel da planificación das cidades para acadar espazos habitables, eficientes e sostibles

A conselleira M. Allegue destaca o papel da planificación das cidades para acadar espazos habitables, eficientes e sostibles

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou o papel da planificación das cidades para acadar espazos habitables, eficientes e sostibles.

Así o subliñou hoxe en Ourense na súa participación na Xornada ‘Xentes, espazos e lugares’, organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia no marco do Proxecto Terra.

María M. Allegue, co delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística, Victoria Núñez, e xunto ao decano do COAG, Luciano Alfaya, abriu estes coloquios que hoxe comezan en Ourense.

Estas xornadas enmárcanse no ‘Proxecto Terra’, un programa divulgativo sobre urbanismo que se desenvolve mediante un convenio de colaboración entre a Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia. Cómpre lembrar que este acordo se renovaba hai dous meses, cun investimento de 360.000€, que o Goberno galego financia nun 90%.

A xornada de hoxe en Ourense ten como obxectivo responder á pregunta Como viviremos nas nosas cidades?. Para abordar este asunto, intervirán expertos das Universidades de Lleida, do Porto e de Vigo. O vindeiro xoves, en Lugo, estes coloquios afondarán no papel das aldeas; e pecharán o xoves 21 en Pontevedra, avaliando os espazos habitados.

A conselleira lembrou que a Xunta é consciente das dificultades para acceder á vivenda actualmente, especialmente nas cidades, polo que os Orzamentos de 2025 triplican os investimentos reais neste ámbito. Recordou o obxectivo de duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas e facilitar solo para construír 25.000.

Puntualizou que para acadar contornas habitables é fundamental unha folla de ruta para a transformación dos espazos, onde cobran relevancia factores tan diversos como o solo, a densidade poboacional, a mobilidade, as infraestruturas ou a integración paisaxística.

Puxo tamén o acento no factor climatolóxico, pois os eventos meteorolóxicos adversos están a converterse nun reto que cómpre abordar de xeito multidisciplinar (arquitectos, enxeñeiros, xeógrafos, sociólogos...) e sumar os esforzos das administracións públicas e da sociedade.

Destacou que este tipo de actividades divulgativas, impartidas por profesionais expertos, son un foro idóneo para concienciar á cidadanía sobre a importancia do territorio e o urbanismo na vida cotiá.

Fonte.- Xunta de Galicia