Galicia lidera o incremento da compravenda de vivendas en España no mes de abril, segundo datos do Consello Xeral do Notariado | Observatorio de Vivenda

Galicia lidera o incremento da compravenda de vivendas en España no mes de abril, segundo datos do Consello Xeral do Notariado

Galicia lidera o incremento da compravenda de vivendas en España no mes de abril, segundo datos do Consello Xeral do Notariado

En abril, Galicia rexistrou un notable aumento nas operacións de compravenda de vivendas, cun crecemento do 14,4 % respecto ao mesmo mes do ano anterior, superando a media estatal, que apenas chegou ao 1,3 %, segundo informou o Consello Xeral do Notariado. Este repunte sitúa a comunidade galega á cabeza do Estado no volume de transaccións, seguida por Cataluña e Aragón, ambas cun incremento do 11,3 %, e o País Vasco, cun 10,8 %. Pola contra, sete comunidades experimentaron unha baixada nas compravendas, entre elas as Illas Canarias (-17,6 %), Madrid (-11,8 %) e Navarra (-6,7 %).

Ademais do dinamismo no mercado inmobiliario, Galicia tamén liderou o aumento do prezo medio por metro cadrado nas operacións de compravenda, cunha suba interanual do 19,1 %, moi superior á media española, situada no 5,5 %. Outras comunidades que rexistraron fortes aumentos nos prezos foron a Rexión de Murcia e a Comunidade de Madrid (ambas cun 17,5 %) e Aragón (11,5 %). Pola súa parte, Extremadura (-2,4 %), A Rioxa (-1,2 %) e o País Vasco (-0,5 %) foron as únicas autonomías onde os prezos descenderon.

Fonte.- Diario de Santiago