A idade media dos propietarios que alugan as súas vivendas en Galicia é de 61 anos, segundo novos datos do IGE | Observatorio de Vivenda

A idade media dos propietarios que alugan as súas vivendas en Galicia é de 61 anos, segundo novos datos do IGE

A idade media dos propietarios que alugan as súas vivendas en Galicia é de 61 anos, segundo novos datos do IGE

A idade media dos propietarios que residen en Galicia e que teñen vivendas en alugueiro situouse en 2024 nos 61,4 anos. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), da estatística de caracterización socioeconómica das persoas propietarias e inquilinas que alugan vivendas en Galicia, recentemente publicada, o 52,3% destes propietarios son mulleres cunha media de idade de 61,9 anos, mentres que os homes, que representan o 47,7%, teñen unha media de 60,8 anos. En total, máis de 114.000 persoas teñen inmobles en alugueiro na comunidade, das cales case 93.000 residen en Galicia. A gran maioría destina os inmobles a alugueiros habituais (95,9%) e só un 4,1% a uso temporal.

O informe tamén destaca que o perfil dos arrendatarios é máis novo, cunha media de 42,5 anos, sendo maioritarias as mulleres (52,7%). A meirande parte dos inquilinos vive no mesmo concello no que está a vivenda alugada (máis do 70%) e o 76% está dado de alta na Seguridade Social, fronte ao 8,7% que son pensionistas. A distribución dos propietarios segue a xeografía da poboación galega, concentrándose nas zonas costeiras das provincias atlánticas e nas principais cidades como Santiago e Vigo. Ademais, máis da metade dos donos viven no mesmo municipio que a vivenda, un 35,3% son pensionistas e preto da metade están afiliados á Seguridade Social.

Fonte.- Galicia Press