M. Allegue chama a sumar esforzos para dar resposta ao desafío da vivenda e pon en valor o traballo da Xunta: “Non hai maior compromiso que o de Galicia” | Observatorio de Vivenda

M. Allegue chama a sumar esforzos para dar resposta ao desafío da vivenda e pon en valor o traballo da Xunta: “Non hai maior compromiso que o de Galicia”

M. Allegue chama a sumar esforzos para dar resposta ao desafío da vivenda e pon en valor o traballo da Xunta: “Non hai maior compromiso que o de Galicia”

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, chama a sumar esforzos para dar resposta ao desafío da vivenda e pon en valor o traballo da Xunta: “Non hai maior compromiso que o de Galicia”. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe nun almorzo-coloquio promovido polo Círculo de Empresarios de Galicia na cidade olívica.

Na súa intervención nesta tribuna, Allegue fixo balance dos avances en materia de vivenda nos dous anos do actual Goberno autonómico, dentro da folla de ruta que xa avanzara tamén neste foro hai dous anos. Un mapa de acción que, como dixo, pasa por incrementar a oferta de vivenda dispoñible, implicando e colaborando co sector e dotada cos correspondentes orzamentos. Todo acompañado das modificacións normativas aprobadas tamén para “desburocratizar, axilizar e flexibilizar e que xa están a dar os seus froitos”.

“A solución está en colaborar, en axudar tamén aos concellos a que constrúan vivendas protexidas -subliñou-. Debemos converter o reto en oportunidade. Somos unha Comunidade forte, capaz de enfrontarse de cara aos problemas. Entre todos e todas temos que sumar esforzos diante do desafío da vivenda. Porque o carácter e o arroxo dos galegos é indiscutible e tamén é Galicia Calidade”.

Neste reto da vivenda, afirmou que a Xunta está a actuar “con determinación e axilidade” e xa están en marcha as 4.000 novas vivendas públicas comprometidas para esta lexislatura en Galicia, das que case 1.000 están en Vigo, e o Goberno galego traballa para acadar no 2030 10.000 vivendas públicas na comunidade.

A isto únese o traballo para desenvolver solo residencial no que se poidan construír outras 25.000 vivendas, a través da figura dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA), “unha figura pioneira en todo o país que nos permite ser máis rápidos, que é o que se nos está pedindo” e a colaboración público-privada. Xa están aprobados inicialmente 7 PIA en Vigo, na Coruña, Santiago, Pontevedra, Ourense, Lugo e Arteixo. E trabállase noutros seis en Vigo, O Porriño, Vilagarcía, Marín, Ribadeo e Sanxenxo. No que atinxe aos de Vigo, nos ámbitos do Ofimático-Lavadores e Ramón Nieto, prevense en total case 3.400 vivendas, o 100% protexidas.

Plan Estatal de Vivenda

A urbanización destes ámbitos en Galicia suporá un investimento de arredor de 300M€ e Allegue aproveitou para criticar o escaso apoio que ofrece o novo Plan Estatal de Vivenda, que neste eido só contempla unha axuda para Galicia “que non alcanza nin os 9M€ en 5 anos”. A este respecto, lamentou que o Plan chega sen consenso, “foi imposto ás comunidades” e conta cun financiamento insuficiente: “Galicia multiplica por 5 a achega e o Estado por dous -explicou-. Con eses fondos non é posible exporse obxectivos importantes: É necesario que o Estado achegue máis recursos e que adopte medidas fiscais complementarias”.

Colaboración co sector

Allegue volveu amosar agradecemento ao sector pola colaboración no reto da vivenda e recordou as medidas coas que a Xunta está a apoiar ao colectivo, como o impulso das técnicas industrializadas. “Ante o reto da vivenda, todos temos que ir da man, colaborar o máximo posible para avanzar e dar resposta á cidadanía”, subliñou.

Asinouse un convenio coa agrupación industrial da construción e coa Fundación Galicia Constrúe para a promoción destas técnicas “que permiten Unha construción accesible, rápida e con menor pegada ambiental” e a Xunta acaba de publicar o primeiro Mapa de Capacidades que sitúa ás empresas que traballan neste campo. Ademais, trabállase nun plan de fomento da construción industrializada.

Mapa de impulso á vivenda protexida

Así mesmo, a conselleira destacou a recente aprobación do Mapa de impulso dá vivenda protexida  de Galicia, que inclúe accións como  a subida dos prezos máximos de venda de vivenda protexida; o incremento dos límites máximos de ingresos para que máis familias poidan acceder ás vivendas protexidas e axudas dirixidas a promotores  e cooperativistas. “Temos que facer atractiva a construción de vivenda protexida”, destacou. Apuntou que a Xunta solicitará formalmente ao Goberno central a extensión do tipo impositivo súperreducido de IVE a toda vivenda protexida.

Máis facilidade de acceso

No caso do Incremento dos límites de ingresos, elévase a 4 veces o IPREM, 4,5 no caso de familias numerosas, mentres que as axudas directas a promotores poderán chegar aos 42.500€ por vivenda en caso de casas protexidas de réxime especial en ámbitos como os PIAs de Vigo ou Pontevedra.

Neste sentido, ademais de ampliar os límites de renda nos accesos a unha vivenda protexida, establécense a reserva para os menores de 36 anos do 40% das vivendas públicas para alugueiro, e o 25% das que se poñan á venda. E a nova reserva do 30% para persoas que teñan entre 36 e 45 anos con fillos ao seu cargo. E lembrou outras medidas para facilitar a compra de vivenda á mocidade, como o aval mozo, que permite avalar o 20% da hipoteca.

Incremento da oferta

Allegue tamén lembrou outras medidas para incrementar a oferta de vivenda, como a modificación normativa para facilitar a conversión de locais en vivendas, facilitar a finalización de construcións inacabadas, o Incremento da edificabilidade un 20%, a regulación das ECCOM, cuxo certificado ten os mesmos efectos que os informes técnicos e xurídicos municipais, ou a prioridade do IGVS á hora de adquirir calquera piso de protección autonómica ou de promoción pública que saia ao mercado.

Para mobilizar vivenda baleira a Xunta puxo tamén en marcha o programa Fogar Vivo, co que o pasado 2025 concedéronse 239 axudas, e a liña de axudas para rehabilitar en concellos de menos de 5.000 habitantes, coa que se concederon neste ano 204 axudas.

Fonte.- Xunta de Galicia