Manuel Pardo informa sobre a primeira orde da Xunta para rehabilitar vivendas destinadas a persoas traballadoras co obxecto de cubrir vacantes e fixar poboación no rural | Observatorio de Vivenda

Manuel Pardo informa sobre a primeira orde da Xunta para rehabilitar vivendas destinadas a persoas traballadoras co obxecto de cubrir vacantes e fixar poboación no rural

Manuel Pardo informa sobre a primeira orde da Xunta para rehabilitar vivendas destinadas a persoas traballadoras co obxecto de cubrir vacantes e fixar poboación no rural

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantivo na Delegación Territorial, un encontro coas entidades e representantes dos concellos de menos de 20.000 habitantes das comarcas de Ourense, Allariz-Maceda e Terra de Caldelas, onde informou sobre a nova convocatoria de axudas da Xunta para impulsar á rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras.

O delegado territorial destacou que esta iniciativa conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, busca dar resposta tanto ás necesidades de man de obra do tecido produtivo —priorizando sectores estratéxicos— como ás de acceso á vivenda das persoas traballadoras, ao tempo que se avanza na fixación de poboación e na vertebración do territorio galego, poñendo o foco nos municipios de menos de 20.000 habitantes.

Neste contexto, indicou que poderán beneficiarse das axudas os propietarios, usufrutuarios ou cesionarios do uso desas vivendas por un prazo mínimo de 10 anos, xa sexan as propias empresas que contratan ou persoas físicas ou xurídicas e concellos que se comprometan con elas a destinar os inmobles que rehabiliten aos seus traballadores. Tamén engadiu que á hora de puntuar as solicitudes, terase en conta tanto a distancia entre a vivenda e o traballo como a distancia ata unha parada de transporte público ou unha vía de alta capacidade. A maiores, darase prioridade ás vivendas dirixidas a persoas que traballen en sectores estratéxicos —como pode ser o agraolimentario, o forestal ou o dos coidados de persoas— e valorarase tamén a sostibilidade das rehabilitacións.

Durante o encontro, Manuel Pardo remarcou que esta convocatoria configúrase como unha actuación de carácter pioneiro no ámbito das políticas públicas de emprego e vivenda da Xunta de Galicia, ao integrar ambas as dúas dimensións nun instrumento orientado a facilitar a cobertura de vacantes laborais e a revitalización do territorio.

Liñas de axudas

O representante do Goberno galego explicou que esta orde, aberta ata o próximo 15 de xullo, contempla dúas liñas de axudas. Por unha banda, a destinada tanto ás empresas como ás persoas físicas ou xurídicas que se comprometan con elas a destinar as vivendas que rehabiliten ás súas persoas traballadoras, dotada con 750.000 euros. Por outra, a dirixida aos concellos que tamén subscriban coas empresas o oportuno instrumento xurídico, con outros 750.000 euros.

As axudas poderán destinarse tanto á rehabilitación de vivendas unifamiliares como de edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario. Inclúese como subvencionable a terminación e/ou ampliación dos inmobles e as obras de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade ou eficiencia enerxética, e mesmo actuacións preparatorias como informes técnicos ou gastos de tramitación. A maiores da axuda para a rehabilitación, os interesados poderán solicitar a contratación do seguro de impago do alugamento ou cesión de uso.

En canto ás axudas máximas, no caso de que se rehabilite unha vivenda unifamiliar a contía poderá alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso se poidan superar os 50.000 € por vivenda rehabilitada no caso da liña de empresas e persoas físicas ou xurídicas, e de 75.000 € se o solicitante é un Concello. Nos edificios residenciais, a contía poderá alcanzar tamén ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso se poidan superar os 30.000 € por cada unha das vivendas que formen parte do inmoble, nin a cantidade conxunta para todo o inmoble de 300.000 €. Isto é, pódese cubrir ata un máximo de 10 axudas neste caso.

Fonte.- Xunta de Galicia