Manuel Pardo louva o programa ‘Fogar Vivo’ da Xunta para mobilizar vivendas baleiras da provincia de Ourense en réxime de alugueiro accesible | Observatorio de Vivenda

Manuel Pardo louva o programa ‘Fogar Vivo’ da Xunta para mobilizar vivendas baleiras da provincia de Ourense en réxime de alugueiro accesible

Manuel Pardo louva o programa ‘Fogar Vivo’ da Xunta para mobilizar vivendas baleiras da provincia de Ourense en réxime de alugueiro accesible

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá na cidade de Ourense unha vivenda baleira en réxime de alugueiro accesible inscrita no programa Fogar Vivo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, dotado dun orzamento de máis de 2,8M€ para este ano e un total de 5,7M€ ata 2028.

O delegado territorial aproveitou a súa estadía no Carballiño para anunciar que dende hoxe, 9 de marzo, a Xunta ten aberto o prazo dunha nova convocatoria de axudas deste programa, que ten como finalidade mobilizar vivendas en alugueiro accesible, e destacou que na convocatoria anterior concedéronse 239 axudas por un importe de preto de 1,3M€ en Galicia e máis de 184.000€ na provincia de Ourense.

Explicou Manuel Pardo que os propietarios que se acollan a esta iniciativa poden contar con contías máximas de ata 16.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán para rehabilitación e mellora da vivenda, incluíndo os gastos para renovar electrodomésticos como a lavadora, o lavalouza, o forno, a neveira, a campá extractora, a cociña e os sanitarios.

Así mesmo, o delegado territorial aclarou que o programa Fogar Vivo contempla tres tipos de modalidades de axuda; unha para facer fronte ao custo da contratación dos seguros por falta de pago de rendas e/ou seguros de multirisco de fogar, outra para adecuar e reparar a vivenda, e unha derradeira vinculada á obtención da axuda para adecuación e reparación, para o caso de que a vivenda se alugue a menores de 36 anos ou con fillo/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida.

O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 3 de xuño, e lembrou o delegado territorial que as solicitudes realizaranse preferiblemente por vía electrónica, aínda que tamén se poderá efectuar de xeito presencial, dirixíndose e ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). O procedemento de concesión deste programa de axudas outórganse por concorrencia non competitiva; terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes.

Poderán ser obxecto destas axudas obras que se realizasen dende o 1 de xaneiro de 2025. Ademais se a vivenda se aluga a menores de 36 anos, persoas con fillos menores a cargo ou unidades familiares con persoas dependentes haberá unha axuda adicional de 2.000 euros, sempre que se obtivera a axuda de rehabilitación é mellora da vivenda.

Tamén especificou o representante do Goberno galego que os propietarios poderán solicitar, independentemente de que fagan reformas, 3.000€ para un seguro de por falta de pago e/ou multirrisco e sinalou que as vivendas dos propietarios que queiran solicitar as achegas do programa Fogar Vivo non poden ter sido arrendadas nos tres meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude. Ademais, deberán destinarse ao alugamento accesible cando menos, durante cinco anos ou sete anos no caso de persoas xurídicas.

Fonte.- Xunta de Galicia