Manuel Pardo salienta o compromiso da Xunta co desenvolvemento do Concello de Cortegada | Observatorio de Vivenda

Manuel Pardo salienta o compromiso da Xunta co desenvolvemento do Concello de Cortegada

Manuel Pardo salienta o compromiso da Xunta co desenvolvemento do Concello de Cortegada

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Cortegada para informar ao seu alcalde, Avelino de Francisco, da recente aprobación polo Consello da Xunta da declaración dunha Área de Rehabilitación Integral (ARI) en Cortegada, a primeira ARI neste concello, que ten como obxectivo facilitar a rehabilitación de vivendas e obras de urbanización e reurbanización, repercutindo sobre as condicións de vida dos veciños, mellorándoas.  

O delegado territorial salientou que con este tipo de medidas non só se está a poñer o acento en crear novos inmobles, senón que o Goberno galego está a axudar a renovar fogares, para favorecer o asentamento de poboación en zonas non urbanas. Así, explicou que a delimitación proposta para esta ARI atópase na parroquia de Santa María, que concentra a meirande parte dos servizos municipais e onde converxen as principais vías de comunicación.

A ARI de Cortegada, que conta cunha superficie total prevista de 36.780,59 m2, poderá participar nos repartos de fondos que se realicen no futuro con cargo a plans autonómicos ou estatais destinados a estas actuacións, tenta, segundo Manuel Pardo “dar cumprimento ao seu obxectivo de facilitar oportunidades aos cidadáns para mellorar a calidade das súas vivendas, a través da posta á disposición dos concellos fondos para a execución de actuacións de urbanización e reurbanización”. “Así, -continuou o delegado territorial- avánzase na recuperación e conservación do patrimonio edificatorio dos concellos de Galicia”. 

Na actualidade existen 79 ARI declaradas en 46 concellos e ademais hai tres ARI supramunicipais, que se corresponde cos Camiños de Santiago, Parque nacional das Illas Atlánticas e Ribeira Sacra. En total, 162 concellos galegos contan, polo menos, cunha ARI. Na provincia de Ourense, ademais de Cortegada, hai 14 ARI declaradas nos concellos de Vilar de Santos, O Castro de Caldelas, Allariz (2), San Cibrao das Viñas, Celanova, Xunqueira de Ambía, Ourense (4), Ribadavia (2) e Verín.

Rehabilitación de vivenda

Posteriormente o delegado territorial achegouse a un dos inmobles beneficiados das axudas aos concellos para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social, no que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas investiu 50.000 euros para a súa reforma.

No inmoble, o delegado territorial aproveitou para pór en valor os 2,1 M€ que a Xunta destinou na convocatoria deste ano aos concellos que conten con menos de 30.000 habitantes para actuacións en edificios da súa titularidade, como poden ser as antigas vivendas de mestres ou outros oficios.

Manuel Pardo resaltou que na orde deste ano a contía das axudas incrementouse nun 30%, de xeito que o importe máximo que se concederá para cada vivenda pasa dos 50.000€ aos 65.000€. O importe da axuda poderá acadar o 95% do custe da rehabilitación, sen superar a contía máxima. Ademais, no caso de que a vivenda se atope en área Rexurbe, nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e Ribeira Sacra ou nun centro histórico declarado, o máximo acada os 68.000€.

O delegado territorial destacou que, entre 2017 e 2025, a Xunta concedeu axudas para a rehabilitación de 266 vivendas a 97 concellos galegos por un importe de 11,1 M€. Neste sentido, na provincia de Ourense, beneficiáronse 36 concellos e conseguíronse 93 vivendas. A maiores, en 2026 concedéronse axudas a 13 novas vivendas en 7 concellos por máis de 813.000 euros.

Fonte.- Xunta de Galicia