Manuel Pardo salienta o compromiso da Xunta cos concellos rurais a través das axudas destinadas á rehabilitación de vivendas | Observatorio de Vivenda

Manuel Pardo salienta o compromiso da Xunta cos concellos rurais a través das axudas destinadas á rehabilitación de vivendas

Manuel Pardo salienta o compromiso da Xunta cos concellos rurais a través das axudas destinadas á rehabilitación de vivendas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, entregou as chaves aos novos inquilinos dunha vivenda en réxime de alugueiro, no concello de Muíños, na que a Xunta investiu 50.000€ para a súa reforma, ao abeiro das axudas aos concellos que conten con menos de 30.000 habitantes para obras de acondicionamento e rehabilitación en edificios da súa titularidade, como poden ser as antigas vivendas de mestres ou outros oficios.

O delegado territorial explicou que esta edificación contou ademais cun préstamo por un importe total de 28.000€ do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e unha partida de 40.000€ financiada pola Deputación de Ourense.

Na vivenda, Manuel Pardo aproveitou para pór en valor os 2,1M€ que a Xunta destinou na convocatoria deste ano aos concellos que conten con menos de 30.000 habitantes para actuacións en edificios da súa titularidade, como poden ser as antigas vivendas de mestres ou outros oficios.

Tamén resaltou que na orde deste ano a contía das axudas incrementouse nun 30%, de xeito que o importe máximo que se concederá para cada vivenda pasa dos 50.000€ aos 65.000€. O importe da axuda poderá acadar o 95% do custe da rehabilitación, sen superar a contía máxima. Ademais, no caso de que vivenda se atope en área Rexurbe, nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e Ribeira Sacra ou nun centro histórico declarado, o máximo acada os 68.000€.

Para rematar, o delegado territorial destacou que, entre 2017 e 2026, a Xunta concedeu axudas para a rehabilitación de 266 vivendas a 97 concellos galegos por un importe de 11,1 M€. Neste sentido, na provincia de Ourense, beneficiáronse 36 concellos e conseguíronse 93 vivendas. A maiores, en 2026 concedéronse axudas a 14 novas vivendas en 8 concellos por máis de 880.000 euros; actuacións “que son unha mostra máis do esforzo do Goberno galego para facilitar o acceso a unha vivenda aos cidadáns”; sentenciou Manuel Pardo.

A vivenda

A vivenda, cunha superficie de 127 metros cadrados,  situase na planta baixo cuberta do edificio que albergou o Centro de Saúde de Mugueimes, sito no numero 2 da Rúa Val do Salas. A reforma realizada dotou o espazo de catro dormitorios, dous baños e un aseo, xunto cun espazo que responde a un salón comunicado coa cociña e o vestíbulo de entrada.

Fonte.- Xunta de Galicia