Martina Aneiros anima ós propietarios particulares a solicitar as axudas da xunta para a corrección de impactos paisaxísticos a partir do 16 de xaneiro | Observatorio de Vivenda

Martina Aneiros anima ós propietarios particulares a solicitar as axudas da xunta para a corrección de impactos paisaxísticos a partir do 16 de xaneiro

Martina Aneiros anima ós propietarios particulares a solicitar as axudas da xunta para a corrección de impactos paisaxísticos a partir do 16 de xaneiro

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, anima a propietarios particulares a solicitar a partir de mañá, 16 de xaneiro, as axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a corrección de impactos paisaxísticos que contan cun orzamento de 2 M€. Así o indicou durante a visita á vivenda dunha veciña de Monfero que resultou beneficiaria da convocatoria do pasado ano coa que foron restauradas as fachadas do seu inmoble, concretamente con actuacións de limpeza con auga a presión e posterior rexuntado con morteiro.

Durante a visita, Aneiros lembrou que estas axudas poden chegar ata un máximo de 3.000 euros para actuar sobre fachadas, cubertas e muros de peche, pero tamén poderá financiarse a retirada de elementos adxacentes ós bens sobre os que se interveña cando prexudiquen a súa imaxe ou causen algún tipo de impacto visual.

O orzamento destinado a esta liña se duplica nesta convocatoria,  pasando de 1 millón a 2 millóns de euros, cos que se agarda poder chegar a máis de 700 beneficiarios. Un incremento, indicou a delegada, que responde ó éxito destas axudas entre a cidadanía galega e  que reforza a aposta do Goberno galego por apoiar a execución de intervencións e reformas que teñen un impacto visual moi positivo na contorna, fomentando o fermosismo e a protección da paisaxe.

Ao igual que nos anos anteriores, a Xunta cubrirá ata o 70% do investimento total subvencionable polo que na práctica se mobilizarán preto de 3,5 M€ en investimentos grazas á concesión destes incentivos, tendo en conta as cantidades que achegarán os propietarios para completar as actuacións. Así mesmo, existe algunha novidade como a posibilidade de que, por primeira vez, poidan acollerse a estes incentivos os usufrutuarios dos bens e vivendas e non só os propietarios.

Seis anos de fermosismo

Cómpre lembrar que este será o sexto ano consecutivo no que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convoca este tipo de axudas. Entre 2021 e 2025 concedéronse preto de 7 millóns de euros que permitiron executar un total de 2.518 actuacións en inmobles situados en 279 concellos galegos, o que representa case o 90% dos de toda Galicia.

Estímase que o investimento total mobilizado nestes cinco anos supera os 12 millóns de euros, tendo en conta tanto as axudas directas da Xunta como os fondos achegados polos cidadáns para completar o custe das obras. Por isto, a delegada subliñou que Galicia avanza na aposta polo fermosismo e a redución dos impactos negativos no entorno.

Fonte.- Xunta de Galicia