Medio Ambiente estudará colaborar co concello de Cenlle nun programa piloto para rehabilitar antigas escolas como vivendas

Medio Ambiente estudará colaborar co concello de Cenlle nun programa piloto para rehabilitar antigas escolas como vivendas
  • A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Gabriel Alén mantiveron hoxe unha reunión de traballo durante a que o rexedor ourensán lle presentou as bases deste proxecto integral, que ten como obxectivo atraer e fixar poboación no municipio

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar economicamente co concello ourensán de Cenlle nun proxecto experimental para rehabilitar as antigas escolas do municipio e poñelas a disposición dos veciños para uso residencial. Este foi o compromiso que asumiu a conselleira Ángeles Vázquez co alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, con quen mantivo esta mañá unha reunión de traballo na que abordaron este e outros asuntos de interese municipal relativos a áreas da súa competencia.

Tras incidir en que o obxectivo é atraer e fixar poboación no municipio, o rexedor resaltou que a iniciativa terá unha dobre vertente xa que a rehabilitación das escolas como vivendas combinarase cun programa formativo para que os participantes poidan achegarse e aprender a realizar distintos labores tradicionais propios desta zona.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente comprometeuse a que o Instituto Galego da Vivenda e Solo buscará e analizará posibles vías de colaboración co concello para levar a cabo unha iniciativa pioneira e integral que vai na mesma liña de revitalización do rural que defende o seu departamento, con medidas e distintas liñas de axudas en materia de vivenda e rehabilitación dirixidas especificamente aos concellos.

Neste sentido, referiuse á liña de subvencións para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal convocada o pasado mes de febreiro cunha dotación de preto de 2 millóns de euros. O seu obxectivo é facilitar aos municipios pequenos e que contan con veciños inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia a creación dun parque público de vivenda municipal destinada ao alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de inmobles xa existentes.

Fonte.- Xunta de Galicia