
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará nas próximas semanas, previsiblemente antes de que remate xaneiro, unha orde de subvencións dotada dun orzamento de 1,7 millóns de euros para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugamento social.
Este tipo de axudas teñen unha gran importancia para que as entidades locais, sobre todo as máis pequenas, se animen a crear ou ampliar os seus propios parques públicos residenciais, e a Consellería puxo seis vivendas rehabilitadas en Bande como exemplo da boa acollida que tivo entre o municipalismo galego o programa para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres e doutros oficios desde a súa creación en 2017.
Así, a través da nova orde introduciranse unha serie de melloras, xa que se estenderá o ámbito de actuación a todo tipo de vivendas de titularidade municipal en concellos de menos de 20.000 habitantes e ampliarase o importe máximo da axuda a percibir ata 50.000 euros por vivenda.
Fonte | IGVS