O Concello de Arbo estuda xunto a Medio Ambiente a declaración da primeira Área de Rehabilitación Integral

O Concello de Arbo estuda xunto a Medio Ambiente a declaración da primeira Área de Rehabilitación Integral

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Arbo, Horacio Gil, mantiveron esta tarde unha reunión para analizar diferentes iniciativas de interese municipal en materia urbanística e de rehabilitación de vivendas. Concretamente, o rexedor presentou un proxecto municipal para a humanización dunha rúa localizada entre Vázquez Estévez e a PO-400 coa intención de contar coa colaboración económica da Consellería para levala a cabo.

A Xunta pon a disposición dos concellos varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas que, coma esta, buscan potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas galegas. Neste sentido, a conselleira animou ao alcalde a presentar o seu proxecto de humanización e comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración económica entre o seu departamento e o goberno municipal para levalo a cabo.

Por outra banda e en materia de vivenda, o alcalde tamén lle trasladou a Ángeles Vázquez a súa intención de conseguir para o municipio a declaración da súa primeira Área de Rehabilitación Integral (ARI), unha figura coa que podería recibir axudas á rehabilitación de inmobles a través das solicitudes de particulares.

Con este fin, recentemente o Concello de Arbo remitiu ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) unha memoria xustificativa sobre a devandita declaración coa finalidade de que os técnicos da Consellería a revisen antes de presentar oficialmente a súa solicitude dunha ARI discontinua, que comprendería tres zonas separadas do termo municipal. Pola súa parte, a conselleira trasladoulle que o IGVS está analizando a documentación presentada.

Na actualidade cómpre lembrar que hai declaradas en Galicia 69 ARIS, ás que se suman outras dúas de carácter supramunicipal que xestiona directamente o IGVS: a ARI dos Camiños de Santiago, que comprende 687 parroquias pertencentes a 126 concellos; e a ARI das Illas Atlánticas, que beneficia a catro municipios.

Calquera concello pode solicitar a declaración dunha nova ARI no seu termo municipal sempre e cando cumpra os requisitos establecidos e que figuran recollidos nunha guía do IGVS na que se fixan tres tipos de áreas de rehabilitación: rurais (concellos de menos de 5.000 habitantes), conxuntos históricos (declarados BIC e con Plan Especial de Protección) ou xerais (outros supostos, pero cun mínimo de 50 vivendas dentro da ARI).

Fonte| Xunta de Galicia