O Consorcio Casco Vello de Vigo incorpora un novo edificio ás actuacións prioritarias do plan de rehabilitacións e avanza na reforma dos inmobles da rúa Alta | Observatorio de Vivenda

O Consorcio Casco Vello de Vigo incorpora un novo edificio ás actuacións prioritarias do plan de rehabilitacións e avanza na reforma dos inmobles da rúa Alta

O Consorcio Casco Vello de Vigo incorpora un novo edificio ás actuacións prioritarias do plan de rehabilitacións e avanza na reforma dos inmobles da rúa Alta

A delegada da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, visitou este martes os traballos que permitirán recuperar catro parcelas do barrio histórico e dotar á cidade con cinco novas vivendas de protección autonómica. A representante autonómica presidiu posteriormente o consello de administración do CCVV no que se aprobou incorporar ao Plan de Actuacións 2026-2030 un novo edificio dentro das actuacións prioritarias.

Ortiz supervisou xunto á conselleira do organismo autónomo Luisa Sánchez e o director territorial de Vivenda, José Manuel González, as obras situadas na rúa Alta 8-10-12-14 destinadas á creación de cinco novas vivendas e lembrou que o proxecto, elaborado polo arquitecto Javier Vázquez Fernández, foi adxudicado este mesmo ano por un importe de 1,474.000€.

As vivendas resultantes desta intervención destinaranse á venda baixo a cualificación de Vivendas de Protección Autonómica (VPA) de prezo concertado. Constrúense sobre a agrupación de catro solares adquiridos polo CCVV en decembro de 2021, e supoñerán a primeira intervención do Consorcio nesta rúa, moi próxima á Porta do Sol e rúa Elduayen. De acordo coa ficha técnica da promoción, o edificio resultante contará con cinco vivendas, dúas dúplex, distribuídas en catro plantas.

A primeira delas, a única con dous dormitorios xa que todas as demais terán tres, ocupará a planta baixa e terá unha superficie aproximada de 90 metros cadrados. As plantas primeira e segunda acollerán cada unha delas unha vivenda de 113 metros cadrados, en tanto que na terceira crearanse dúas residencias, unha de 93 e outra de 70 metros cadrados. Todas elas contarán con rocho e o prazo de execución da obra será de 12 meses. 

Actuación prioritaria en Segunda República

Posteriormente á visita, o consello de administración do Consorcio Casco Vello aprobou a compra do edificio situado no número 6 da rúa Segunda República por un prezo de 180.000 euros para a súa incorporación ao grupo de actuacións prioritarias e para a creación de tres Vivendas de Protección Autonómica.

Ortiz apuntou que o pasado ano o CCVV xa aprobou tanto o seu Plan de Actuación 2026-20230 como o convenio entre administracións e o Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) 2026. O Plan de Actuación aprobado por unanimidade marca as pautas de rehabilitación que levará a cabo o organismo durante o vindeiro lustro. Así, un total de 25 inmobles, entre os que agora estará o de Segunda República, son cualificados como obxectivo de actuación prioritaria e outros 20 edificios máis integran unha listaxe de actuación secundaria para dotar ao plan de flexibilidade.

Ademais, o plan contará cun investimento dun total de 15,1 millóns de euros, que será financiado mediante ingresos por venda de inmobles, transferencias de capital dos entes consorciados e ingresos correntes.

Elduayen 39-Ferrería 16

Por último, o consello de administración do CCVV autorizou o inicio do proceso de adxudicación das cinco novas vivendas rehabilitadas no edificio situado en Elduayen 39-Ferrería 16. A nova promoción conta cunha superficie de construción total de 640 m2, divididos en dous dúplex con entrada por Ferrería e dous pisos e un terceiro dúplex con acceso desde Elduayen.

Fonte.- Xunta de Galicia