O Consorcio Casco Vello finaliza a rehabilitación dun edificio con cinco novas vivendas públicas en Vigo e un investimento de 1,7 millóns de euros | Observatorio de Vivenda

O Consorcio Casco Vello finaliza a rehabilitación dun edificio con cinco novas vivendas públicas en Vigo e un investimento de 1,7 millóns de euros

O Consorcio Casco Vello finaliza a rehabilitación dun edificio con cinco novas vivendas públicas en Vigo e un investimento de 1,7 millóns de euros

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, visitou este xoves os traballos que levou a cabo o organismo autónomo para rehabilitar un novo edificio no barrio histórico vigués e poñer a disposición da cidadanía cinco vivendas de promoción autonómica.

O CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e o 10% polo Concello de Vigo, finaliza así a reforma do edificio situado no número 39 da rúa Elduayen, tamén con saída ao número 16 da rúa Ferrería e cun investimento total da rehabilitación de 1,7 millóns de euros. A nova actuación permitiu construír cinco vivendas na parte alta do Casco Vello, onde xa foron adxudicadas seis vivendas en Elduayen 31 e  actualmente está en concurso público o seu baixo comercial. A nova promoción conta cunha superficie de construción total de 640 m2, divididos en dous dúplex con entrada por Ferrería e dous pisos e un terceiro dúplex con acceso desde Elduayen.

“Queremos que a cidade conte cun parque público de vivenda que responda as necesidades dos vigueses e tanto no Casco Vello como en  Navia a Xunta avanza a bo ritmo”, sinalou a representante autonómica tras destacar que o proxecto completa a rehabilitación dunha parte degradada do barrio histórico e permite ofrecer aos vigueses nova vivenda de promoción autonómica.

A presidenta do CCVV lembrou que os números do organismo desde a súa creación no ano 2000 son “inapelables”, con 90 edificios rehabilitados, 130 vivendas e 36 locais en marcha para dar vida de novo a “un barrio que se atopaba en moi mal estado”. Apuntou ademais que xa hai outras dúas rehabilitacións acabadas nas últimas semanas (Ribeira do Berbés, 39;San Sebastián, 20/Hortas 2-4) e outras tres en marcha (rúa Alta, 8-14, rúa Real 21, e Ribeira do Berbés 25-27) .

Plan de Actuación 2026/2030

Ortiz lembrou que o pasado outono o CCVV aprobou tanto o seu Plan de Actuación 2026-20230 como o convenio entre administracións e o Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) 2026. O Plan de Actuación aprobado por unanimidade marca as pautas de rehabilitación que levará a cabo o organismo durante o vindeiro lustro. Así, un total de 25 inmobles, entre os que está o da rúa Real 20, son cualificados como obxectivo de actuación prioritaria e outros 20 edificios máis integran unha listaxe de actuación secundaria para dotar ao plan de flexibilidade.

Ademais, o plan contará cun investimento dun total de 15,1 millóns de euros, que será financiado mediante ingresos por venda de inmobles, transferencias de capital dos entes consorciados e ingresos correntes.

Fonte.- Xunta de Galicia