O Fondo de Cooperación da Xunta facilita ao Concello de Parada de Sil a rehabilitación dunha edificación na Hedrada para vivenda accesible | Observatorio de Vivenda

O Fondo de Cooperación da Xunta facilita ao Concello de Parada de Sil a rehabilitación dunha edificación na Hedrada para vivenda accesible

O Fondo de Cooperación da Xunta facilita ao Concello de Parada de Sil a rehabilitación dunha edificación na Hedrada para vivenda accesible

A Xunta colabora co Concello de Parada de Sil na rehabilitación dunha edificación na Hedrada para destinala a vivenda en alugueiro accesible, a través da concesión dun préstamo de 90.000 euros, sen xuros, do Fondo de Cooperación da Xunta para rehabilitación de patrimonio construído, dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou co alcalde deste municipio ourensán, Aquilino Domínguez, para o financiamento desta actuación, destinada á recuperación do patrimonio e a incrementar a oferta pública residencial deste concello, co obxectivo tamén de fixar poboación e de poñer en valor o núcleo da Hedrada.

Deste xeito, a través da rehabilitación, acadarase unha vivenda de planta baixa e unha altura, que contará con 3 habitacións. A proposta de reforma busca a integración na contorna, co mantemento da fachada de pedra de granito; a limpeza da pedra existente; a utilización de carpintería exterior de cor branca e a cuberta rematada de novo en lousa.

O citado Fondo de Cooperación da Xunta está destinado financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, e dotado na actual convocatoria con algo más de 3M€. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.

Fonte.- Xunta de Galicia