O Goberno Central aumenta ata 10,2 millóns as axudas para vivenda nas zonas tensionadas de Santiago e A Coruña | Observatorio de Vivenda

O Goberno Central aumenta ata 10,2 millóns as axudas para vivenda nas zonas tensionadas de Santiago e A Coruña

O Goberno Central aumenta ata 10,2 millóns as axudas para vivenda nas zonas tensionadas de Santiago e A Coruña

O Goberno central elevou de 90 a 180 millóns de euros as subvencións destinadas ás comunidades autónomas con zonas de mercado residencial tensionado, co obxectivo de aumentar a oferta de vivenda accesible e reducir os prezos dos alugueiros. Galicia recibirá 10,2 millóns de euros, o dobre da cantidade prevista inicialmente, dos que Santiago de Compostela percibirá máis de 3 millóns. As axudas abranguen cinco comunidades autónomas e 317 municipios nos que residen máis de nove millóns de persoas. O reparto dos fondos ten en conta a poboación afectada pola declaración de zona tensionada e a proporción de fogares que destinan máis do 40 % dos seus ingresos netos ao pagamento do alugueiro.

A xestión dos fondos xerou discrepancias entre os concellos de Santiago e A Coruña, que defenden unha administración municipal das axudas, e a Xunta de Galicia, que asumirá a súa xestión por ser a administración autonómica competente. O financiamento está previsto no artigo 18 da Lei polo Dereito á Vivenda e busca corrixir os desequilibrios que dificultan o acceso a un fogar nos municipios afectados.

Fonte.- El Correo Gallego