O Ministerio de Vivenda declara oficialmente A Coruña como zona tensionada para o alugueiro de vivenda | Observatorio de Vivenda

O Ministerio de Vivenda declara oficialmente A Coruña como zona tensionada para o alugueiro de vivenda

O Ministerio de Vivenda declara oficialmente A Coruña como zona tensionada para o alugueiro de vivenda

A cidade da Coruña vén de ser declarada zona de mercado residencial tensionado polo Ministerio de Vivenda, converténdose así no primeiro concello de Galicia en recibir esta consideración. A medida, publicada no BOE e en vigor dende este mércores, permitirá aplicar límites aos prezos do alugueiro, ofrecer incentivos fiscais a propietarios e implementar medidas para facilitar o acceso á vivenda. Esta decisión foi posible tras a aceptación da proposta feita polo Concello no mes de maio e supón a activación dos mecanismos recollidos na Lei de Vivenda fronte á escalada de prezos nos alugueiros.

A resolución tamén inclúe outras localidades como Donostia, Pamplona e vinte municipios navarros, sumando un total de 301 en todo o Estado. Esta declaración obriga a manter o prezo do alugueiro sen subas inxustificadas e, no caso dos grandes propietarios (con máis de dez vivendas na Coruña), a fixar os prezos segundo un índice estatal. Ademais, o Concello terá que desenvolver un plan específico para ampliar a oferta de vivenda pública, rehabilitar inmobles baleiros e limitar o uso turístico de vivendas residenciais. Tamén se contemplan bonificacións fiscais de ata o 90% no IRPF para quen rebaixe voluntariamente o prezo do alugueiro. Esta situación terá unha duración inicial de tres anos, prorrogables, durante os cales estas medidas serán de aplicación automática.

Fonte.- La Opinión de A Coruña