O Porriño urbanizará co Fondo de Cooperación Autonómico a contorna do acceso á parcela cedida á Xunta para construír 36 vivendas públicas | Observatorio de Vivenda

O Porriño urbanizará co Fondo de Cooperación Autonómico a contorna do acceso á parcela cedida á Xunta para construír 36 vivendas públicas

O Porriño urbanizará co Fondo de Cooperación Autonómico a contorna do acceso á parcela cedida á Xunta para construír 36 vivendas públicas

O Concello do Porriño urbanizará ao abeiro do Fondo de Cooperación autonómico a contorna do acceso á parcela cedida á Xunta para a construción de 36 vivendas públicas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou esta tarde co alcalde, Alejandro Lorenzo, a concesión ao Concello deste préstamo sen xuros por importe de preto de 740.000€ para a urbanización dun treito da rúa Fernández Areal e do viario E do SUR PPR-5.

En concreto, a Xunta concede ao Concello un préstamo por 737.557€ por un prazo de 8 anos ao abeiro do Fondo de Cooperación da Xunta para actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído, dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes.

Allegue puxo en valor esta nova colaboración co Concello do Porriño: “É o que a sociedade demanda e o que temos que facer, traballar conxuntamente para facilitar o acceso á vivenda, digna e accesible, co selo Galicia Calidade”.

Lembrou que a Xunta xa ten en licitación a redacción do proxecto e a construción das 36 vivendas públicas que se crearán neste ámbito, por un importe de 8,1M€.

A conselleira destacou que este contrato establece a obrigatoriedade do uso de técnicas industrializadas e apuntou que a Xunta está a valorar as 6 ofertas presentadas a este contrato.

Allegue subliñou que nesta mesma zona sitúase o ámbito no que, tamén en consenso co Concello, a Xunta tramita un Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver solo no que se poderán construír arredor de 300 vivendas. Licitouse o contrato para a redacción deste PIA, ao que se presentaron 5 firmas.

A Xunta tamén está a impulsar medidas para que máis persoas accedan á vivenda pública, como o incremento dos limiares de renda ata 4 veces o Iprem (4,5 familias numerosas) e a reserva do 30% das futuras vivendas en réxime de compra-venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ao seu cargo. Esta reserva súmase á do 40% das futuras vivendas para alugueiro e 25% para compra que o Goberno galego destina a menores de 36 anos.

Fonte.- Xunta de Galicia