O prezo da vivenda en Pontevedra duplica o seu valor en oito anos, segundo datos ministeriais | Observatorio de Vivenda

O prezo da vivenda en Pontevedra duplica o seu valor en oito anos, segundo datos ministeriais

O prezo da vivenda en Pontevedra duplica o seu valor en oito anos, segundo datos ministeriais

O prezo medio da vivenda libre en Pontevedra alcanzou os 2.084 euros por metro cadrado, a cifra máis elevada da serie histórica do Ministerio de Vivenda e a primeira vez que supera a barreira dos 2.000 €/m². O incremento anual sitúase no 23%, consolidando unha tendencia alcista continuada desde os mínimos rexistrados entre 2017 e 2018. Esta evolución levou á cidade a ocupar o posto 23 entre as capitais de provincia con maior valor residencial, mentres que no ámbito galego só é superada por A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e Oleiros entre os municipios de maior tamaño.

Os datos tamén reflicten a escasa presenza de vivenda protexida no mercado local. Durante a última década vendéronse 6.830 vivendas en Pontevedra, das que só 167 contaban con algún réxime de protección pública. Ante esta situación, destaca o desenvolvemento residencial previsto na zona de San Mauro, O Marco e A Parda, impulsado pola Xunta de Galicia, que contempla máis de 2.000 vivendas, das cales polo menos 1.600 serán protexidas. Este proxecto multiplicaría de forma significativa a oferta de vivenda a prezo regulado nun mercado caracterizado polo forte incremento dos prezos e pola limitada dispoñibilidade deste tipo de inmobles.

Fonte.-. Faro de Vigo