O prezo da vivenda usada aumenta un 16,9% e marca máximos históricos, segundo idealista | Observatorio de Vivenda

O prezo da vivenda usada aumenta un 16,9% e marca máximos históricos, segundo idealista

O prezo da vivenda usada aumenta un 16,9% e marca máximos históricos, segundo idealista

O prezo da vivenda usada en España rexistrou un incremento interanual do 16,9% durante abril, situándose nos 2.748 euros por metro cadrado, o valor máis elevado da serie histórica elaborada por idealista. O índice tamén reflicte un aumento do 3,7% no trimestre e do 1,5% respecto ao mes anterior. Todas as comunidades autónomas presentaron incrementos nos prezos, encabezadas pola Rexión de Murcia, cunha suba do 23%, seguida de Cantabria (19,2%), Asturias (17,7%) e Andalucía (17,6%). Baleares mantense como a comunidade máis cara, con 5.252 euros por metro cadrado, por diante da Comunidade de Madrid, con 4.707 euros. Pola contra, Estremadura, Castela-A Mancha e Castela e León continúan sendo os territorios con prezos máis baixos.

No ámbito provincial, 48 provincias rexistraron aumentos interanuais nos prezos da vivenda usada. Valencia liderou as subas cun incremento do 24,1%, seguida de Murcia (23%) e Toledo (20,5%). As únicas baixadas producíronse en Ourense (-1,9%) e Soria (-1,3%). Entre as provincias máis caras destacan Baleares, Madrid e Guipúscoa, mentres que Cidade Real, Xaén e Cuenca presentan os prezos máis accesibles. Nas capitais de provincia tamén se observaron incrementos xeneralizados, con Cidade Real encabezando as subas cun 22,7%. Madrid alcanzou os 5.960 euros por metro cadrado e Barcelona os 5.221 euros. San Sebastián mantense como a capital máis cara do Estado, cun prezo medio de 6.393 euros por metro cadrado.

Fonte.- Idealista