O prezo do alugueiro increméntase un 9,9% en novembro e alcanza os 14,6 euros/m2, segundo o último informe de prezos de Idealista | Observatorio de Vivenda

O prezo do alugueiro increméntase un 9,9% en novembro e alcanza os 14,6 euros/m2, segundo o último informe de prezos de Idealista

O prezo do alugueiro increméntase un 9,9% en novembro e alcanza os 14,6 euros/m2, segundo o último informe de prezos de Idealista

En novembro constatouse unha forte presión alcista no mercado do alugueiro en España, cun aumento interanual próximo ao 10% e un prezo medio que rolda os 14,6 euros por metro cadrado ao mes. A maioría das capitais rexistraron subas respecto ao mesmo mes do ano anterior, agás San Sebastián, onde se produciu un lixeiro descenso. As escaladas máis marcadas déronse en Ceuta, Segovia e Santa Cruz de Tenerife, mentres que cidades como Huesca, Girona ou Pamplona apenas amosaron variacións significativas.

Nas grandes urbes o comportamento tamén foi claramente ascendente. Madrid liderou o crecemento entre os principais mercados, seguida por Alicante, Palma, Sevilla ou Valencia, e mesmo en cidades tradicionalmente tensionadas como Barcelona, Bilbao e Málaga a tendencia continuou á alza. A capital catalá segue situándose á cabeza como o lugar onde resulta máis custoso alugar unha vivenda, con prezos moi por riba dos de Madrid e Palma, e con cidades como San Sebastián, Valencia ou Málaga situándose tamén en niveis elevados.

Se se observa o comportamento por provincias, a inmensa maioría tamén experimentaron incrementos ao longo do último ano, con Cáceres como única excepción. Os maiores aumentos acadáronse en Ciudad Real, Zamora e Lugo, mentres que os territorios con evolución máis moderada foron Girona, Huesca, Guipúscoa e Cantabria. Madrid e Barcelona mantéñense como as provincias máis caras para vivir de alugueiro, en contraste con Jaén e Ciudad Real, que continúan sendo as opcións máis accesibles do país.

Fonte.- Idealista