Rueda anuncia a Estratexia para o impulso da vivenda protexida con novas medidas para incentivar a construción e facilitar o acceso a máis familias | Observatorio de Vivenda

Rueda anuncia a Estratexia para o impulso da vivenda protexida con novas medidas para incentivar a construción e facilitar o acceso a máis familias

Rueda anuncia a Estratexia para o impulso da vivenda protexida con novas medidas para incentivar a construción e facilitar o acceso a máis familias

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou a nova Estratexia do impulso da vivenda protexida en Galicia, un conxunto amplo de medidas orientadas a facilitar a construción de máis vivenda protexida en Galicia e a garantir que un maior número de persoas poida acceder a ela.

Esta Estratexia é unha folla de ruta que busca incentivar o acceso, tanto ás vivendas de promoción pública (VPP) construídas pola Xunta, como a que constrúan promotores e cooperativistas, que se cualifiquen como protexidas e, polo tanto, suxeitas a prezos máximos de venda e de alugueiro. Para iso, Rueda resaltou que unha das principais novidades desta Estratexia será “ampliar o limiar máximo de renda” para “que máis xente teña dereito a optar a unha vivenda con protección”.

O Goberno galego mantén como dous dos seus grandes obxectivos en materia de vivenda: duplicar o parque público residencial e habilitar solo onde poder construír ata 20.000 vivendas protexidas mediante colaboración público-privada. Neste sentido, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, lembrou que “a Xunta xa ten en marcha as 4.000 vivendas públicas” comprometidas e ten aprobados inicialmente todos os Proxectos de Interese Autonómico (PIAs) “das grandes cidades” (Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña).

A Xunta segue a traballar para que máis persoas poidan acceder ás vivendas construídas, por iso a Estratexia de impulso da vivenda protexida en Galicia recolle diversas medidas aprobadas hoxe polo Executivo autonómico, avanzadas polo presidente da Xunta no Debate de Política Xeral.

No ámbito do acceso á vivenda, modifícase o límite máximo de ingresos que ten que ter a unidade familiar para acceder a unha vivenda pública. A modo de exemplo, unha unidade familiar de 3 membros, que anteriormente tiña un límite de 2.250 euros, pasa agora a ter 3.530€. E, por outra banda, unha familia numerosa, que anteriormente tiña 2.570€ como tope, ve incrementado o seu limite ata os 4.154€

O Executivo autonómico, tal e como explicou Allegue, aprobou hoxe tamén o establecemento de reservas mínimas por tramos de idade para garantir un reparto máis equilibrado das vivendas. Nas VPP que se adxudiquen en réxime de compra, mantense a reserva xa en marcha dun 25% para menores de 36 anos inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia (RUDVG). E, engadese, a reserva do 30% para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos menores a cargo. No caso das vivendas en alugueiro, reservase un mínimo do 40% para menores de 36 anos.

Ademais, e como novidade, a Xunta aprobou o incremento dos limiares de ingresos para acceder á vivenda de promoción autonómica (VPA), é dicir aquela vivenda protexida que constrúen promotores e cooperativistas. Así, unha parella cun fillo, que opte a unha vivenda en réxime especial, que tiña un límite de ingresos de 2.625€,  conta agora cun limiar que ascende ata os 3.971€. Ademais, se a mesma parella opta a unha vivenda en réxime xeral, pasa dos 3.750€ que tiña antes de limiar, e sube aos 4.850€.

No que atinxe a promoción, o Goberno galego advertiu da escaseza actual de construción de vivenda protexida, apenas cooperativistas, e grazas ás axudas que convoca a Xunta con fondos exclusivamente autonómicos.

Tal e como indicou M. Allegue, hoxe non é atractivo construír VPA, debido á combinación de moitos factores: altos custos dos materiais, escaseza de man de obra e uns prezos máximos que non cobren os custos reais de execución. Ante esta situación, e tras un proceso de diálogo co sector —promotores, cooperativistas e construtores— e de análise no Observatorio da Vivenda de Galicia, desde a Xunta adoptáronse medidas para reactivar o mercado.

Así, en primeiro lugar, acordouse incrementar os prezos máximos de venda das vivendas protexidas, con incrementos que varían segundo a zona e o réxime, sendo máis contidos nas áreas de maior demanda e con prezos máximos máis elevados, como Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense, así como nos ámbitos derivados dos PIAs en tramitación. A modo orientativo, unha vivenda tipo de tres dormitorios e 85 m² en Vigo experimenta unha actualización relevante respecto aos valores anteriores, conforme aos novos parámetros.

Non obstante, este axuste non resulta suficiente para garantir a viabilidade das promocións, polo que o Consello da Xunta acordou un novo paquete de axudas directas á construción que será convocado en breve. Estas axudas, permitirán alcanzar importes significativos, de ata 42.500 € por vivenda no caso de vivendas protexidas de réxime especial en ámbitos como, por exemplo, os PIAs de Vigo ou Pontevedra.

Precisamente, estas axudas son superiores en réxime especial —cuxo límite se incrementa ata o 4,5%— porque as VPA de réxime especial son as únicas que teñen un IVE súper reducido. A este respecto a M. Allegue lembrou que a Xunta xa solicitou ao Goberno central a extensión “deste tipo impositivo súper reducido do IVE ao conxunto dos réximes de vivenda protexida”. Nesta liña, Rueda lembrou que a Estratexia tamén contempla medidas “para reducir a carga impositiva nas vivendas protexidas” e incidiu en que a Xunta “bonificará o 100% do imposto de actos xurídicos”.

O paquete de acordos do Goberno galego, complétase coas medidas xa en marcha en Galicia para facilitar a compra e que están plenamente operativas, como o aval mozo e aval á compra de vivenda protexida: cobren ata o 20% do préstamo hipotecario, 20.000 € de axuda directa á compra de VPA en menores de 36 anos, e 16.000 € para maiores desa idade.

A titular de Vivenda concluíu incidindo na necesidade de implicar ao sector privado para garantir o éxito destas políticas, acadando un equilibrio entre a rendibilidade das promocións e a accesibilidade dos prezos para a cidadanía. Neste sentido, Allegue destacou a colaboración co sector como un elemento clave para impulsar a construción de vivenda protexida.

Fonte.- Xunta de Galicia