Rueda anuncia que neste primeiro trimestre a Xunta terá convocadas todas as axudas de vivenda do 2026 | Observatorio de Vivenda

Rueda anuncia que neste primeiro trimestre a Xunta terá convocadas todas as axudas de vivenda do 2026

Rueda anuncia que neste primeiro trimestre a Xunta terá convocadas todas as axudas de vivenda do 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que neste primeiro trimestre a Xunta terá convocadas todas as axudas de vivenda do 2026, algo que sucederá coa convocatoria de novas achegas por valor de 2 millóns de euros para acceder a unha vivenda en propiedade cun máximo de 20.000 euros por fogar.

Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Executivo galego afirmou que o da vivenda é un “problema xeral en toda España” e que a Xunta está a actuar “en moitas frontes”.

Neste sentido, o presidente lembrou o compromiso de construír 4.000 vivendas públicas en catro anos, na presente lexislatura, e 6.000 en seis, chegando ás 10.000 no ano 2030. Delas, xa se atopan en diferentes fases de execución 3.000 e este ano entregaranse as primeiras da lexislatura en Pontevedra, Santiago e Mos.

Rueda subliñou que dos 800 millóns de euros que se están a investir, o 90% procede de fondos propios da Xunta e o 10% de fondos europeos, reclamando máis recursos ao Goberno central para “loitar contra a carestía de vivenda” coa posta en marcha do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, que aínda non entrou en vigor.

O titular do Goberno galego tamén lembrou outras medidas da Xunta en materia de vivenda, como os 12 Proxectos de Interese Autonómico declarados en 11 concellos, o desenvolvemento de solo para 20.000 vivendas con protección social nesta lexislatura, 10 M€ para financiar vivenda protexida sen xuros, a protección indefinida de vivenda clasificada como pública, distintas rebaixas fiscais, a reforma de baixos comerciais para dedicalos a vivenda, o plan Fogar Vivo, 4 M€ en avais hipotecarios para xente moza ou o Bono Emancípate.

Fonte.- Xunta de Galicia