Rueda anuncia que se eleva ata os 45 anos a idade máxima para beneficiarse dos avais da Xunta para adquirir a primeira vivenda | Observatorio de Vivenda

Rueda anuncia que se eleva ata os 45 anos a idade máxima para beneficiarse dos avais da Xunta para adquirir a primeira vivenda

Rueda anuncia que se eleva ata os 45 anos a idade máxima para beneficiarse dos avais da Xunta para adquirir a primeira vivenda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que se vai elevar ata os 45 anos a idade máxima para beneficiarse dos avais do 20% da Xunta para adquirir a primeira vivenda. Esta modificación, que se aplicará na vindeira convocatoria dos avais, eleva o límite establecido, ata o de agora en 36 anos.

Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Executivo galego afirmou que a vivenda é un “tema central” para a Xunta ao que se están a dedicar “grandes esforzos”.

Neste sentido, o presidente lembrou o compromiso de duplicar o parque público de vivenda esta lexislatura, pasando de 4.000 a 8.000 en 2028, e chegando a 10.000 no ano 2030.

Na súa intervención, Rueda salientou varias das medidas da Xunta xa en marcha para mellorar a situación da vivenda na nosa comunidade como, por exemplo, desenvolver solo “para 20.000 vivendas de protección pública”, a creación dos “pioneiros” Proxectos de Interese Autonómico para reducir á metade os prazos para tramitar novo solo para vivenda protexida, axudas de ata 20.000 euros á compra de vivenda protexida, financiar a promoción pública de vivendas polos concellos, facilitar rematar edificios inacabados sempre que a metade dos seus pisos sexan protexidos ou elevar os límites de renda para acceder ás axudas.

Prevención de incendios

Tamén durante a sesión de control, o titular do Executivo galego afirmou que a Xunta está a traballar “todos os meses do ano” na prevención de lumes forestais, lembrando que o Plan de defensa contra incendios forestais de 2026 conta co maior investimento da historia da nosa comunidade con preto de 214 millóns de euros, un 20% máis que o ano pasado.

Nesta liña, subliñou que xa están pagadas todas as axudas para a reconstrución de vivendas, negocios e infraestruturas medioambientais que se viron afectadas polos lumes do ano pasado e salientou, de cara á nova tempada de risco, a incorporación de 42 novas brigadas, 4 novos medios aéreos e 16 buldóceres, a ampliación nun 30% do número de cámaras de videovixiancia ou o reforzo da unidade de elite para grandes lumes, que pasa de 6 a 15 integrantes. Tamén, a integración da Intelixencia Artificial no sistema de xestión interna do dispositivo e a posta a disposición da cidadanía dunha APP móbil para alertar dos lumes, ALume, xa dispoñible para descarga.

Lembrou tamén os traballos de limpeza e prevención nas faixas secundarias, cuxa responsabilidade inicial é dos propietarios e, se estes non actúan, dos concellos de xeito subsidiario, tal e como marca a normativa. A Xunta de Galicia colabora a través do convenio de xestión da biomasa nestas franxas que se mantén con Seaga. Cos propietarios faino nas parroquias priorizadas, e cos municipios ofrecendo unha serie de apoios para inspección, notificación, xestión en 10 hectáreas/ano ou limpeza de vías en 12 quilómetros/ano.

Todos estes apoios son posibles sempre e cando os concellos se adhiran ao convenio e soliciten actuacións. De feito, antes do 31 de marzo, prazo idóneo para enviar o plan de actuación, tan só o 30% dos municipios o fixera; e na actualidade só o 50% pediu servizos a Seaga, maioritariamente para vías, que non son faixas secundarias.

Finalmente, Rueda resaltou a importancia da colaboración con concellos e propietarios nas tarefas de prevención, chamando á unidade e á responsabilidade.

Fonte.- Xunta de Galicia