Rueda apela á colaboración do sector para cumprir o reto de chegar ás 10.000 vivendas públicas en 2030 | Observatorio de Vivenda

Rueda apela á colaboración do sector para cumprir o reto de chegar ás 10.000 vivendas públicas en 2030

Rueda apela á colaboración do sector para cumprir o reto de chegar ás 10.000 vivendas públicas en 2030

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou hoxe á colaboración do sector inmobiliario e da construción para poder cumprir o reto fixado de chegar ás 10.000 vivendas públicas en 2030 e para construír 25.000 (20.000 delas protexidas) no solo que está a desenvolver o Goberno galego.

Así o apuntou esta tarde, durante a súa participación na XXX edición dos premios da Asociación de Promotores Inmobiliarios da provincia de Pontevedra (Aproin). Alí, felicitou aos responsables dos proxectos gañadores, e púxoos como exemplo da profesionalidade do sector na comunidade.

O presidente galego destacou o esforzo inédito que está facendo a Xunta para habilitar máis fogares para os galegos e galegas. Así, en canto ao compromiso de acadar a cifra de 10.000 vivendas públicas nos próximos anos, precisou que a Administración autonómica xa ten en marcha unhas 3.000. En canto ao solo, xa se comezaron a tramitar 12 Proxectos de Interese Autonómico (PIA), que son os que permitirán urbanizar ámbitos onde diferentes promotores poderán construír 25.000 vivendas.

Para complementar todas estas medidas, Rueda precisou que o Goberno galego está apostando tamén pola rehabilitación, pola simplificación administrativa e por novas técnicas construtivas, como a industrialización, que permiten paliar a falla de man de obra especializada e reducir os tempos.

Sobre este último punto, recordou que a Administración autonómica xa está tomando medidas para formar a profesionais do sector, a través das microformacións e tamén da Formación Profesional.

Fonte.- Xunta de Galicia