Rueda destaca a aposta da Xunta por habilitar vivenda pública en Vigo con máis de 900 inmobles xa en marcha en San Paio de Navia | Observatorio de Vivenda

Rueda destaca a aposta da Xunta por habilitar vivenda pública en Vigo con máis de 900 inmobles xa en marcha en San Paio de Navia

Rueda destaca a aposta da Xunta por habilitar vivenda pública en Vigo con máis de 900 inmobles xa en marcha en San Paio de Navia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno autonómico por ampliar a oferta de vivenda na cidade de Vigo e puxo como exemplo os 920 inmobles públicos que xa están en marcha en San Paio de Navia e que representan máis da metade das 1.600 vivendas previstas nesta promoción. “Seguimos cumprindo co noso compromiso de construír vivenda, priorizando recursos públicos” a este eido, indicou.

Durante unha visita aos terreos do polígono 2 de Navia, acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, Rueda lembrou que a Xunta está a concentrar “esforzos nas zonas onde hai máis demanda de vivenda” como é o caso de Vigo, a cidade galega na que o Goberno autonómico está a construír máis inmobles públicos.

Rueda salientou que o Goberno autonómico acaba de licitar as obras para habilitar 172 novos inmobles públicos en Navia por un importe de 37,2 millóns de euros. Serán dous bloques, con prazas de garaxe, rochos e varias vivendas adaptadas a persoas con mobilidade reducida. A fachada será construída con técnicas industrializadas. “Hai que apostar por elas xa que permiten construír máis rápido sen baixar a calidade”, resaltou.

Deste xeito, a Xunta xa ten en marcha 920 vivendas, en diferentes fases de tramitación, en San Paio de Navia. Un total de 309 inmobles xa están en construción, outras 215 teñen licitadas as obras e proximamente aprobarase a licitación doutras 396, das que 80 serán aloxamentos compartidos para menores de 36 anos. En conxunto, o Goberno autonómico ten comprometidos 248 millóns de euros para Navia, dos que xa están en execución 134 millóns.

Ademais, Rueda lembrou que a Xunta está realizando os trámites necesarios para habilitar novo solo residencial no que promotores e cooperativistas constrúan outras 3.400 vivendas, a maioría protexidas. O Consello aprobou hai unhas semanas inicialmente o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para promover a construción de 2.000 inmobles en Lavadores e está en tramitación outro PIA para preto de 1.400 vivendas en Ramón Nieto.

A vivenda, unha prioridade para a Xunta

Durante a súa intervención, Rueda lembrou que facilitar o acceso á vivenda é unha prioridade para a Xunta e asegurou que o Goberno autonómico conta cunha folla de ruta clara, planificada e con recursos que se plasma no II Pacto da Vivenda, dotado de 2.000 millóns de euros. O obxectivo é chegar ás 10.000 vivendas públicas en 2030 e promover o acceso a un fogar a través de axudas á rehabilitación, o desenvolvemento de solo residencial ou con medidas para colectivos vulnerables como a mocidade.

A aposta da Xunta por Vigo

Por último, Rueda lembrou o compromiso da Xunta coa cidade de Vigo non só en materia de vivenda. Nesta liña, lembrou o novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, o futuro IES Domingo Villar que se construirá en Navia ou a rehabilitación do Teatro Cine Fraga.

Fonte.- Xunta de Galicia