Rueda reivindica o potencial da madeira galega como solución clave en materia de vivenda e aposta pola edificación sustentable | Observatorio de Vivenda

Rueda reivindica o potencial da madeira galega como solución clave en materia de vivenda e aposta pola edificación sustentable

Rueda reivindica o potencial da madeira galega como solución clave en materia de vivenda e aposta pola edificación sustentable

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel clave da madeira como unha aliada estratéxica para a construción e a rehabilitación de vivenda.

Na súa intervención no VI Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia Piñeiros 26, organizado pola Fundación Arume na Cidade da Cultura e na que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o titular do Executivo autonómico sinalou que Galicia “conta co recurso natural, co coñecemento e co talento” necesarios para liderar esta transformación. 

Neste sentido, Rueda lembrou que a Xunta mantén o compromiso de dar exemplo desde o sector público fixando como obxectivo que, progresivamente, o 20% das novas edificacións autonómicas utilicen madeira na súa estrutura. “Unha axuda única en España e pioneira en Europa promovida polo Goberno galego, que desde o ano 2020 xa mobilizou máis de 14,3 millóns de euros para incentivar o uso estrutural da madeira na edificación”, resaltou o presidente. 

Para dar un impulso decidido a toda a cadea de valor e industrialización do monte, o presidente adiantou que a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) incrementará o seu orzamento no ano 2027 —máis dun 35%—, ata acadar os 33 millóns de euros. Este esforzo orzamentario busca consolidar un sector fundamental para a economía galega, que “factura máis de 2.500 millóns de euros ao ano, conta con máis de 3.300 empresas e sostén o emprego a unhas 20.000 familias”. 

O titular do Goberno galego referiuse tamén a outros eixes prioritarios para o futuro do monte, entre os que destacou a loita contra o minifundismo con máis de 2,7 millóns de euros para as agrupacións forestais de xestión conxunta, a valoración das coníferas e á marca Pino de Galicia, así como o fomento da prevención de incendios e da ordenación do territorio a través do anteproxecto da futura Lei de loita contra os incendios forestais ou axudas contra o abandono da terra.

Fonte.- Xunta de Galicia