Rueda reivindica os avances de Galicia en materias como a vivenda pública | Observatorio de Vivenda

Rueda reivindica os avances de Galicia en materias como a vivenda pública

Rueda reivindica os avances de Galicia en materias como a vivenda pública

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe os avances realizados por Galicia nos últimos anos en materias tan relevantes como as tecnoloxías de alto impacto -como a intelixencia artificial-, a vivenda pública e o turismo diversificado e sostible. Así o sinalou esta mañá durante a súa intervención no VI Foro económico Wake Up Spain, organizado por El Español.

Na súa intervención, Rueda defendeu que Galicia quere consolidarse como un nodo tecnolóxico de referencia en Europa. Galicia foi a primeira rexión europea en dotarse dunha Lei de intelixencia artificial, acollerá unha das 19 fábricas europeas de intelixencia artificial, e está a situarse como referente na tecnoloxía cuántica, “un sector que será fundamental no futuro”, indicou.

O presidente galego sinalou que, todos estes avances, permiten á comunidade poñerse na vangarda dunhas tecnoloxías que xa están transformando á sociedade, aproveitar estas oportunidades para o progreso do territorio e, sobre todo, xerar empregos de calidade para a xuventude galega, así como atraer talento do exterior.

Por iso, salientou a aposta da Xunta por promover a investigación feita en Galicia, a I+G+i, mediante diferentes iniciativas para que científicos galegos e de fóra da comunidade elixan Galicia para desenvolver a súa carreira e facilitar a transferencia de coñecemento. “Que a sociedade vexa que a investigación ten utilidade práctica”, indicou.

En canto á vivenda, recordou que a Xunta se comprometeu en 2024 “a duplicar o parque de vivenda pública, e pasar de 4.000 a 8.000 fogares”. Neste sentido, precisou que xa o 100% desas novas vivendas están nalgún punto de tramitación. Ademais, co obxectivo de facelas máis accesibles, o Goberno galego acaba de anunciar dúas novidades: que se incrementará o límite de renda para poder acceder a elas, e que se reservará o 30% das vivendas públicas para as persoas de entre 36 e 45 anos con fillos.

Rueda tamén dedicou parte da súa intervención para falar dos preparativos que está levando a cabo o Goberno galego para prepararse de cara a oportunidade histórica que supón o Xacobeo 2027. Valorou que o próximo Ano Santo será o mellor escaparate para amosar ao mundo todo o que representa a marca Galicia Calidade, e aproveitou para pedir ao Goberno central un maior apoio a este evento. “É un acontecemento de Galicia, pero tamén de toda España”, indicou.

Fonte.- Xunta de Galicia