Rueda salienta no foro “Encontros no Eo” a importancia da colaboración público-privada para axudar a resolver a cuestión da vivenda | Observatorio de Vivenda

Rueda salienta no foro “Encontros no Eo” a importancia da colaboración público-privada para axudar a resolver a cuestión da vivenda

Rueda salienta no foro “Encontros no Eo” a importancia da colaboración público-privada para axudar a resolver a cuestión da vivenda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Oviedo na VII edición dos Encontros no Eo, un foro anual centrado no intercambio de opinións co seu homólogo asturiano, Adrián Barbón. Un encontro organizado por La Voz de Galicia, La Voz de Asturias e Banco Sabadell.

Rueda puxo en valor as políticas da Xunta en materia de vivenda, servizos socias e financiamento autonómico, fronte a un contexto ante o que reclamou máis cooperación e maior lealdade institucional por parte do Goberno central: “Quen está promovendo vivenda pública en Galicia é a Xunta. E estamos estimulando a colaboración público-privada desde a Administración para que os promotores fagan vivenda.”, destacou.

O presidente sinalou que, a pesar de que Galicia destaca por ser unha das rexións onde menor porcentaxe de salario se destina ao alugueiro, ademais da regulación da vivenda turística, “non é suficiente con iso”. Neste sentido, destacou que a Xunta avanzou duplicando o parque público de vivenda; triplicando o orzamento ata os 240 millóns de euros en 2025; e apostando pola rehabilitación, o alugueiro social e o uso de solo público: “O noso obxectivo é triplicar o parque público, construíndo 4000 vivendas en 4 anos; e case un ano despois temos 1800 en marcha, así que podemos dicir que imos por moi bo camiño", subliñou o presidente.

Rueda pediu ao Goberno central un Pacto de Vivenda serio, financiado e duradeiro, así como ferramentas contra a ocupación ilegal e un marco xurídico claro que combine o apoio ao turismo co dereito á vivenda: ”Estou seguro de que se houbera un réxime que garantise unha defensa dos seus dereitos como propietarios moita xente preferiría un alugueiro tradicional a un alugueiro turístico”, apuntou.

Servizos sociais

No eido dos servizos sociais, destacou que Galicia atende xa a máis de 78.000 persoas dependentes e que destinará 728 millóns de euros a este área, un 11% máis. Non obstante, advertiu que o Estado segue sen cumprir a súa parte do financiamento da dependencia: debera aportar o 50%, e tan só achega un 32% do orzamento total: “É fundamental que o Goberno cumpra a súa parte nas cuestións de política social, e máis en concreto no tema da dependencia. Se non temos a aportación do Estado, o modelo non vai ser sostible”, sostivo o presidente.

Galicia, dixo, é exemplo en políticas sociais, incluíndo ser a primeira comunidade con gratuidade total en escolas infantís de 0 a 3 anos; triplicando as prazas públicas en residencias; multiplicando por seis as prazas en centros de día; e como líder na redución de pobreza infantil e do risco de exclusión.

Financiación autonómica

Respecto á financiación autonómica, Rueda reclamou unha reforma multilateral e xusta, rexeitando privilexios para unha soa comunidade, que suporía a perda de máis de 2.000 millóns de euros ao ano para Galicia: “Négome a aceptar que se dicimos que si á condonación, acabouse todo o debate sobre o financiamento autonómico. No financiamento é onde Galicia xógase moitísimo”, apuntou.

Pediu que se teña en conta o envellecemento, a dispersión e o custo real dos servizos, e alertou contra a condonación de débeda, que considera que só penaliza ás comunidades que xestionan con rigor: “Galicia ten unha débeda moi contida e planificada, e non temos problemas de amortización que si teñen outros e que queren endosarlla ao resto”, remarcou o presidente.

Estratexia Retorna

Rueda puxo o foco nunha Galicia de futuro aperta e con identidade, na que salienta hoxe a calidade de vida, cunha das esperanzas de vida máis altas de Europa. Ademais, salientou a importancia da Estratexia Retorna para axudar a resolver a cuestión demográfica: “Nós imos facer todo o posible para que o que se queira quedar, poida facelo, e para que o que queira vir a Galicia fágao nas mellores condicións”, salientou o presidente.

Fonte.- Xunta de Galicia