Rueda sitúa a construción industrializada como peza clave para axilizar a entrega de vivenda e modernizar o sector en Galicia | Observatorio de Vivenda

Rueda sitúa a construción industrializada como peza clave para axilizar a entrega de vivenda e modernizar o sector en Galicia

Rueda sitúa a construción industrializada como peza clave para axilizar a entrega de vivenda e modernizar o sector en Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a industrialización como a ferramenta necesaria para dar resposta ao reto de construír máis vivenda pública, axudando a paliar un dos grandes retos do sector como é a falla de man de obra especializada e permitindo reducir prazos e riscos nun momento de alta demanda habitacional, así como modernizar o sector. “Galicia constrúe e constrúe moi ben. Imos apostar moi seriamente nas técnicas industrializadas para garantir maior axilidade sen diminuír a calidade, e o mundo da construción, no futuro, probablemente vaia por aí. E a min gustaríame pensar que niso tamén habemos sido pioneiros”, salientou o presidente ao respecto.

Segundo explicou, este mesmo 2026 marcará un fito coa licitación de 392 vivendas de promoción pública mediante técnicas industrializadas, o que supón un investimento de 74,4 millóns de euros. Estas cifras forman parte dun plan máis amplo que contempla licitar case 2.700 vivendas este ano cun orzamento global de preto de 500 millóns de euros.

Así o destacou durante a inauguración da segunda edición do GaliBuild Meeting, un encontro nacional organizado pola Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción en Santiago de Compostela, no que tamén estivo presente a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

Alfonso Rueda indicou que a industrialización permite construír fogares con maior calidade, previsión e eficiencia, polo que este modelo fai máis manexable unha carteira intensa de obra nova e suple esa falla de man de obra, ao al trasladar o traballo da planta ou taller directamente á obra.

Neste sentido, a súa intervención, Rueda lembrou que facilitar o acceso á vivenda é unha prioridade para a Xunta, resaltando que en Galicia “constrúese moito ultimamente, e constrúese ben, con sentiidiño: querendo facer as cousas ben e pensando para que é cada obra. Asegurou que o Goberno autonómico conta cunha folla de ruta clara, planificada e con recursos que se plasma no II Pacto da Vivenda, dotado de 2.000 millóns de euros ata 2030. O obxectivo é chegar ás 10.000 vivendas públicas e promover o acceso a un fogar a través de axudas á rehabilitación, o desenvolvemento de solo residencial ou con medidas para colectivos vulnerables como a mocidade.

O presidente do Goberno galego puxo en valor o papel do Clúster da Construción de Galicia neste reto, ao que cualificou de "socio estratéxico" para profesionalizar o sector e afrontar desafíos como a falta de man de obra cualificada: “A construción é un aliado fundamental para nós, porque temos uns obxectivos de goberno que queremos cumprir. E moitos, os principais, teñen que ver con esta actividade. E as administracións non construímos. Poñemos os medios e os recursos, e tamén facilitamos os trámites para que outros poidan facelo”, destacou.

Neste sentido, lembrou que a Xunta e o Clúster traballan da man na elaboración do Plan Director da Industria da Construción, que se prevé aprobar ao longo deste ano.

Fonte.- Xunta de Galicia