Un total de 35 concellos solicitan en tan só 4 horas as axudas da Xunta para rehabilitar edificios de titularidade municipal con destino a 64 vivendas protexidas | Observatorio de Vivenda

Un total de 35 concellos solicitan en tan só 4 horas as axudas da Xunta para rehabilitar edificios de titularidade municipal con destino a 64 vivendas protexidas

Un total de 35 concellos solicitan en tan só 4 horas as axudas da Xunta para rehabilitar edificios de titularidade municipal con destino a 64 vivendas protexidas

Un total de 35 concellos solicitan en tan só 4 horas as axudas da Xunta para rehabilitación de edificios de titularidade municipal con destino 64 vivendas protexidas de promoción pública en alugueiro accesible. A Administración autonómica abriu hoxe o prazo de presentación de peticións para esta liña, que ten un orzamento bianual de 2,1M€ de fondos autonómicos e está destinada aos concellos de menos de 30.000 habitantes.  Este prazo está aberto ata o 3 de xullo ou ata esgotamento do crédito orzamentario.

De xeito máis concreto, ás 13 horas, na provincia de Ourense rexistráronse peticións de 17 concellos, mentres que en Lugo foron 9 os que presentaron peticións, na Coruña 6 concellos e en Pontevedra, 3.

Nesta nova convocatoria a contía das axudas increméntase nun 30%, de xeito que o importe máximo que se concederá para cada vivenda pasa dos 50.000€ aos 65.000€. O importe da axuda poderá acadar o 95% do custe da rehabilitación, sen superar a contía máxima.

Ademais, no caso de que vivenda se atope en área Rexurbe, nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e Ribeira Sacra ou nun centro histórico declarado, o máximo acada os 68.000€.

Ademais, como novidade, as vivendas resultantes, que se destinarán a alugueiro accesible, terán cualificación pública permanente. As achegas enmárcase no compromiso da Xunta para seguir poñendo a disposición vivenda a través, entre outras medidas, dos programas de rehabilitación.

De acordo ás bases da convocatoria, a través desta liña consideránse subvencionables a execución de obras de rehabilitación e/ou ampliación de edificacións e vivendas de titularidade municipal, así como as dirixidas ao cambio de uso de edificacións para o seu destino a vivenda.

Nas actuacións de rehabilitación, enténdense incluídas as de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética das vivendas, así como as actuacións para a medición e a execución de obras que eviten a entrada do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Fonte.- Xunta de Galicia