A Xunta abordará en Sanxenxo un novo Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo onde construír 350 vivendas, a maioría protexidas | Observatorio de Vivenda

A Xunta abordará en Sanxenxo un novo Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo onde construír 350 vivendas, a maioría protexidas

A Xunta abordará en Sanxenxo un novo Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo onde construír 350 vivendas, a maioría protexidas

A Xunta abordará en Sanxenxo un novo Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver un solo na parroquia de Vilalonga onde se poderán construír 350 vivendas, a maioría protexidas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta hoxe desta nova actuación tras asinar co alcalde, Telmo Martín, a concesión dun préstamo do Fondo de Cooperación da Xunta por importe de 3,5M€, co que o Concello procederá á adquisición destes terreos.

Así, a través deste préstamo sen xuros do Fondo de Cooperación da Xunta destinado á promoción de vivenda protexida, o Concello de Sanxenxo mercará estes terreos, que na súa maior parte son propiedade da Sareb. Posteriormente, cederá a titularidade á Xunta para que a Administración autonómica tramite o novo PIA, que fai o número 14 dos que a Xunta está a desenvolver na comunidade no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial.

A conselleira destacou a colaboración do Concello en materia de vivenda, despois dos acordos acadados para a cesión de solos en Noalla e Sanxenxo para a construción por parte da Xunta dun total de 65 vivendas de promoción pública. Medidas que buscan, como agora o desenvolvemento deste solo, garantir o acceso da cidadanía á vivenda e tendo en conta que, como incidiu Allegue, “en Sanxenxo é complicado atopar unha vivenda que sexa residencia habitual e permanente”.

Agora, esta nova cooperación para desenvolver solo residencial xurde tras conversas co Concello e unha vez analizada a viabilidade urbanística deste ámbito. Abordarase a actuación a través da figura do PIA para gañar axilidade na promoción destas vivendas. En concreto, o ámbito sitúase en Vilalonga, próximo a Dena (no Concello de Meaño), á ría de Arousa e á infraestruturas como a autovía do Salnés, nunha contorna urbana consolidada.

Allegue explicou que, unha vez materializada a cesión do solo por parte do Concello, a Xunta comezará, canto antes, a tramitación da delimitación e a licitación da redacción do proxecto deste PIA, que supón “outro paso adiante para construír vivenda protexida en Sanxenxo”.

Máis vivenda

Hai que lembrar que a Xunta ten licitada a redacción do proxecto e das obras de 25 vivendas de promoción pública en Noalla, nunha parcela cedida polo Concello. O prazo de presentación de ofertas remata mañá, 29 de abril. E tamén acordou co Concello a cesión doutra parcela na rúa das Cunchas, onde se prevén construír 40 vivendas de promoción pública, que se destinarán ao alugueiro a menores de 36 anos.

Fondos de cooperación

A Xunta ten aberto ata o 15 de outubro o prazo para que os concellos presenten solicitudes para o Fondo de Cooperación para promoción de vivenda protexida, unha iniciativa que a Administración autonómica puxo en marcha o pasado ano, e que neste 2026 incrementa ata os 8,6M€ o orzamento. Tamén está aberto ata a mesma data o outro Fondo de Cooperación destinado aos concellos, para actuacións de rehabilitación do patrimonio construído e dotado con 3M€.

Fonte.- Xunta de Galicia