A Xunta abre a convocatoria da liña de avais para adquisición de vivenda, para a que destina 5 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta abre a convocatoria da liña de avais para adquisición de vivenda, para a que destina 5 M€

A Xunta abre a convocatoria da liña de avais para adquisición de vivenda, para a que destina 5 M€

A Xunta abre a convocatoria da liña de avais para adquisición de vivenda, coa publicación hoxe do anuncio no Diario Oficial de Galicia, para a que destina 5M€. O Goberno galego avalará os préstamos hipotecarios solicitados por menores de 36 anos para compra da súa primeira vivenda, mentres que no caso de adquisición de vivenda protexida, non existe límite de idade para poder acceder a estes avais.

Tras a publicación no DOG, o prazo para solicitar os avais abrirase o 13 de marzo e prolongarase ata o 30 de outubro.

Trátase da cuarta convocatoria do programa e desde a primeira, no 2023, concedéronse un total de 219 avais para adquisición de vivenda, avalando a Xunta máis de 4M€.

A convocatoria destes avais enmárcase no marco do compromiso da Xunta para favorecer o acceso á vivenda á mocidade. Están destinados de xeito especial a facilitar aos menores de 36 anos a adquisición da súa primeira vivenda, e a Xunta avala ata o 20% do prezo, de xeito que a hipoteca poida acadar o 100% do importe. Facilítase así a compra ás persoas mozas que dispoñen de recursos para o pago da hipoteca, pero carecen de aforros suficientes para facer fronte á porcentaxe que os bancos non financian.

Requisitos

Poderán acceder a estes avais as persoas menores de 36 anos, con nacionalidade española ou dun país da Unión Europea ou, no caso de estranxeiros, con autorización de estancia ou residencia en España, e ingresos entre 2 e 5,5 veces o Iprem, podendo incrementarse cando a adquisición se realice por máis dunha persoa. Nese caso o límite máximo dos ingresos conxuntos dos adquirentes poderá acadar 6,5 Iprem.

O prezo máximo de adquisición da vivenda estará entre 180.000 e 260.000 euros, segundo o ámbito territorial do concello no que se emprace a mesma.

No caso de vivendas protexidas, o prezo máximo das mesmas será o establecido na cualificación definitiva.

Fonte.- Xunta de Galicia