A Xunta abre mañá o prazo da licitación da redacción dos proxectos de urbanización de 7 PIA, que permanecerá aberto ata o 30 de setembro | Observatorio de Vivenda

A Xunta abre mañá o prazo da licitación da redacción dos proxectos de urbanización de 7 PIA, que permanecerá aberto ata o 30 de setembro

A Xunta abre mañá o prazo da licitación da redacción dos proxectos de urbanización de 7 PIA, que permanecerá aberto ata o 30 de setembro

A Xunta abre mañá o prazo da licitación da redacción dos proxectos de urbanización de sete Proxectos de Interese Autonómico (PIA), que permanecerá aberto ata o 30 de setembro. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, anunciou hoxe en Santiago esta contratación, que permitirá a construción de preto de 15.000 vivendas en Galicia, das que polo menos o 80% serán protexidas, durante a súa visita a un dos ámbitos que se desenvolverán, o de Mallou, en Santiago.

Allegue puxo de relevo que a Xunta é pioneira no conxunto das comunidades autónomas na utilización da figura dos PIA para o desenvolvemento de solo coa Estratexia Galega de Solo Residencial, que permitirá a construción de 25.000 vivendas, 20.000 protexidas, na comunidade. Neste momento, en consenso cos concellos, están en marcha un total de 13 PIA en 12 municipios, dos que estes sete cuxos proxectos de urbanización se licitan mañá xa contan con aprobación inicial-

En concreto, este amplo contrato inclúe 7 lotes, un para cada proxecto. O primeiro é o correspondente ao ámbito de Mallou, en Santiago, para 3.609 vivendas, mentres que o lote 2, o da Coruña, abarca o solo de Monte Mero, para 4.397 vivendas. O lote 3, é o do ámbito da Baiuca–A Penouqueira, en Arteixo, para 160 fogares; o 4, o do Sagrado Corazón en Lugo, para 1.265 vivendas; o 5, o ámbito do Escorial-Vinteún en Ourense, para 1.435 vivendas; o 6, o de San Mauro, en Pontevedra para 2.010 vivendas e, por último, o 7 corresponde ao Ofimático, en Vigo, para 2.000. Do total de 14.876 vivendas, prevese que polo menos o 80% serán protexidas e o restante libres.

A conselleira lembrou que diante da actual situación, o Goberno galego está a avanzar “chanzo a chanzo para facilitar o acceso á vivenda” e a axilizar a tramitación destes PIA, de xeito que despois da autorización do Consello da Xunta este pasado luns, mañá publicarase xa na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación redacción dos proxectos e a dirección das obras de urbanización correspondentes.

A previsión é licitar as obras de urbanización no 2027, unha vez aprobados os proxectos e adquirido o solo, a fin de que no 2028 poidan simultanearse urbanización e construción.

Ademais destes 7 PIA, a Xunta tramita xa outros seis, dos que un sitúase en Vigo, no ámbito de Ramón Nieto, e o resto nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Marín, O Porriño, Ribadeo e Cangas.

Fonte.- Xunta de Galicia